Aos morcegos gústalles o sol

Un grupo de crianzas e persoal investigador observa un morcego (Foto: Asociación Drosera)
As e os expertos da Asociación Drosera afirman que no país viven 25 especies deste animal e que os seus lugares favoritos son o litoral e as montañas. Por exemplo, hai moitos nas zonas do Courel, Os Ancares e o Xurés.

Os morcegos que se acomodaron no país teñen costumes parecidas á cidadanía. Poderá parecer un contrasentido porque son animais nocturnos –e porque pensamos nos novelescos e televisivos vampiros e na súa mortal exposición á luz solar– pero gústalles o sol. Ou cando menos teñen máis actividade e é máis sinxelo velos nos ceos cando vai calor polas zonas costeiras. 

Unha vez o inverno comeza a chegar unhas especies recortan as súas saídas e outras directamente hibernan. Cóntao o secretario da Asociación Drosera para o Estudo e Conservación do Medio Natural, Roberto Hermida. Esta entidade evolucionou cara a unha alta especialización nestes mamíferos e mesmo fai saídas divulgativas para velos.

Sempre no verán ou cando o termómetro continúa alto. Hermida di que terán un paseo o sábado próximo en Pontevedra, coincidindo coa "Noite europea dos morcegos e, en setembro, haberá unha pequena batería de saídas que se poden consultar no Facebook".

Se es das persoas ás que este animal sempre lle chamou a atención non perdas a posibilidade de velo con Drosera, pois queda moito por saber del e a asociación é das que máis o ten estudado. 

"É o grupo de mamíferos máis diverso da Galiza por diante dos roedores", subliña Hermida, que engade que das 45 especies atopadas "dentro do contexto europeo" no país temos unhas 25. Após investigacións, seguimentos, vixilancias e estudos varios ao longo dos anos coa iniciativa Morcegos da Galiza estreada en 2007, Drosera descubriu a presenza de seis desas 25. 

O que sucede é que non é fácil pórse a distinguir porque voan e non agardan por ninguén. "Teñen unha vida discreta, poden vivir nas fendas das casas ou nos tellados e non se sabe", afirma. A súa vida nocturna e os ultrasonidos que emiten non son para o ser humano. 

Na súa distribución na Galiza "inflúen dous factores: o clima e que son un grupo que procura masas forestais autóctonas". Polo tanto hai en zonas do litoral como no Morrazo ou nas Fragas do Eume. No entanto, os exemplares máis esixentes viven nas carballeiras "do Xurés, dos Ancares e do Courel".