Saúde

Ao coronavirus "non lle quedan armas" malia a suba de casos

O pico de contaxios afecta os grandes inmunodeprimidos, un grupo reducido que está a ingresar. (Foto: Eduardo Parra/Europa Press)
O aumento dos contaxios por coronavirus na recta final do verán ocupa titulares e conversas, mais este incremento das infeccións non se está a trasladar aos hospitais. Isto é unha "boa noticia", advirten os expertos, que chaman a escapar do ruído e a extremar a protección dos "grandes inmunodeprimidos", os máis  vulnerábeis ante a Covid.

"Agora mesmo a taxa de infeccións por coronavirus non é un indicador válido, o único que amosa é que o virus segue a circular" e isto entra dentro do esperábel, da dinámica normal do SARs-CoV-2, un virus respiratorio que "vai estar sempre con nós", explica a Nós Diario José Gómez Rial, inmunólogo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Polo momento, o virus da Covid parece que se resiste a unha estacionalidade como a que define o virus da gripe ou o respiratorio sincitial, que seguen un patrón anual. "Este móvese por picos de incidencia, o que fai que en determinadas épocas do ano vexamos un incremento de casos" que, outra vez, se volven tomar como valor de referencia de forma errada, di Gómez Rial, porque van sempre ligados ao número de probas que se realizan e nas últimas semanas a venda de tests de antíxenos disparouse.

O obxectivo das vacinas non é evitar a infección. Nunca o foi. O seu obxectivo é evitar a enfermidade grave

"Hai un incremento de infeccións, si. É algo esperado por parte dos expertos, pero non é preocupante. Mentres ese aumento non se traslade aos hospitais, con ingresos en unidades de críticos da poboación xeral e unha saturación dos servizos, é unha boa noticia. Significa que as vacinas están funcionando".

Ingresos

Para Gómez Rial é importante insistir no obxectivo das vacinas, que "moita xente segue a confundir". Cómpre entendelo ben. "O obxectivo das vacinas non é evitar a infección. Nunca o foi. Iso pode ocorrer nas primeiras semanas ou meses despois da vacinación pero co tempo esa protección fronte á infección vai desaparecer. O seu obxectivo principal é evitar a enfermidade grave, a que te leva ao hospital".

Os ingresos que se están a dar estes días afectan un grupo moi concreto e reducido da poboación. "Temos un colectivo moi vulnerábel e é ese polo que nos temos que preocupar, o dos grandes inmunodeprimidos, extremadamente vulnerábeis, transplantados, con doenzas oncohemetolóxicas, persoas sen sistema inmunitario que non poden facer fronte ao virus". 

Vacinas actualizadas

A estabilidade marca esta outra fase de convivencia co coronavirus, conclúe o experto, na que haberá novas vagas de contaxios e repuntas puntuais, mais sen chegar a agravar as hospitalizacións nin as estancias hospitalarias. O avance a respecto dos primeiros anos de pandemia é notábel e advírtese tamén no propio virus. "Xa non lle quedan armas. Vai para dous anos que a variante dominante é a mesma, a famosa Ómicron. Podemos pórlle diferentes apelidos, pero é a mesma. Non evolucionou a formas máis graves".

Con todo, fronte ao virus en circulación e aos pequenos cambios que vai adoptando para "sobrevivir" xa se coñecen as datas dunha nova campaña de vacinación dirixida aos maiores de 60 anos. A finais de setembro arrancará unha "campaña ben dirixida á poboación vulnerábel, que por primeira vez contará con vacinas adaptadas en tempo récord ás últimas variantes", vacinas monovalentes que prepararán o sistema inmune para a infección.