Anxo Sánchez, de Orgullo Galego: "Precisamos máis voceiros que fagan difusión en galego”

Anxo Sánchez
Anxo Sánchez e Borxa Castro fundaron Orgullo Galego en 2016 co obxectivo de tratar temáticas diversas que afectan á Galiza. Porén, o rápido crecemento do proxecto levounos a crear unha comunidade moito máis ampla na que o debate político sobre o noso país convive coa difusión da cultura e do patrimonio inmaterial galego. Trátase dunha plataforma ideal para aquelas persoas que queren coñecer máis sobre a Galiza de maneira didáctica e interactiva, tanto nas súas redes sociais como na súa páxina web.

En que consiste o seu proxecto?

Cando tivemos a idea inicial, o obxectivo era chegar a 10.000 ou 15.000 persoas en Facebook para poder facer difusión de temáticas diversas dun xeito ameno pero divulgativo. Unha vez que vimos que todo crecía bastante e que tiña bastante repercusión, convertemos Orgullo Galego nun punto de encontro, nunha comunidade onde falar de todo tipo de contidos, desde temas máis folclóricos até outros nos que está máis presente a denuncia e a reflexión. Pór sobre a mesa temas que nos inflúen como pobo. Ademais fomos expandíndonos no resto de plataformas e redes sociais. Desde hai uns meses tamén comezamos a subir contidos á web e avanzamos nun proxecto a longo prazo de cara a crear contidos propios.

Xestionar Orgullo Galego precisará dun grande esforzo.

Borxa e eu somos os que o empezamos o proxecto cando Orgullo Galego era só unha conta de Facebook. Pero desde que comezamos a preparar artigos e contido para a páxina web, houbo máis xente que se involucrou no proxecto. Agora mesmo somos catro os que xestionamos desde dentro. Aínda que teño que dicir que nos axudan desde fóra. Hai moita xente que achega o seu gran de area para que poida seguir todo adiante. 

Variou a acollida que tiveron desde 2016 até agora?

Sempre foi bastante boa. Antes, cando só subíamos contido divulgativo, moitas das persoas que nos seguían eran as que nos enviaban contidos, xa que lles gustaba ver publicados todos os textos que nos enviaban. É certo que unha vez que cambiamos, pouco a pouco, as temáticas que tratamos, a xente comezou a enviar menos. É certo tamén que sempre hai críticas, moitas delas lexítimas. Xente que pensa que somos demasiado folclóricos ou xente que pensa que nos metemos demasiado en política. Nós intentamos facer o equilibrio que permita ter a maior cantidade de persoas posíbeis na páxina pero á vez que non sexa algo unicamente folclórico. 

Orgullo Galego é un proxecto exitoso. Pensa que abriu camiño a outras iniciativas? 

Nós realmente non inventamos nada. Tivemos a sorte de que nos foi mellor que a outros proxectos e de chegar a moita xente. Que nós axudamos a que houbera un auxe? Sinceramente, penso que non. Nós o que fixemos foi intentar axudar todo o mundo que inicia pequenos proxectos. Gústanos difundir iniciativas que non son nosas. Como tantos outros axudamos a difundir para que todos teñamos o noso espazo na rede. 

Como serán os próximos meses para Orgullo Galego? 

Queremos limitarnos a ser suxeitos pasivos e dedicarnos a difundir historias na páxina web. Escribir reportaxes, falar con xente... tratar temas relacionados coa política, a lingua, a literatura, a memoria... Levamos uns meses en Twitch cunha sección de conversas na que basicamente convidamos a persoas que nos veñan contar diferentes experiencias. É o que imos facer durante os próximos meses, porque a acollida é moi boa. Son decenas de miles de visitas mensuais na páxina. Seguiremos así até que vexamos que a receptividade baixe.

Como serán os próximos meses para Orgullo Galego? 

Entendemos que este tipo de espazos son necesarios porque é bo que os proxectos en galego non falen só do galego. É bo que se fale de calquera tema na nosa lingua. Tamén precisamos máis voceiros que coiden e fagan difusión en galego e dean voz á xente de aquí. A impresión que nos rodea é a difusión en castelán dunhas ideas que reverten en que a situación da nosa lingua e do noso pobo sexa cada vez peor. Romper ese círculo hexemónico do castelán tamén é importante.