Secretario da AA.VV. de Teis

Teis e Chapela convocan unha manifestación contra a peaxe de Redondela

[Imaxe: SG] A AP-9 ao seu paso polo concello de Redondela

As asociacións de veciñas e veciños de Teis e Chapela veñen de convocar unha manifestación para o próximo 23 de febreiro para esixir a supresión do peaxe do tramo Rande-Vigo da AP-9.

 

A supresión do peaxe do tramo Rande-Vigo, a conversión en zona urbana do tramo desde Torres de Padín até Vigo e a toma de medidas contra a contaminación acústica son as principais reivindicacións que levan as asociacións veciñais de Teis e de Chapela a convocaren unha manifestación para o próximo 23 de febreiro.

 

“O 23 de xaneiro de 2018”, lembra Anxo Iglesias, secretario da AA.VV. de Teis, en declaracións a Sermos Galiza, “o que era o Ministro de Fomento, Íñigo da Serna, anunciaba a intención de suprimir esa peaxe. A realidade é que seguimos igual un ano despois, e polo tanto entendemos que a presión social é necesaria”.

 

O secretario da entidade de Teis destaca que o feito de facer a mobilización neste momento ten a ver con que “o goberno de Pedro Sánchez vén de presentar os orzamentos para 2019 e non se dedica nin un só céntimo ás reivindicacións nin a realizar un estudo da zona. Non observamos ningún cambio de actitude goberne o PP ou goberne o PSOE con relación á AP-9”.

 

Duplo agravio con Chapela

 

Nunha rolda de prensa que tivo lugar esta sexta feira, día 1 de febreiro, Marcial Pérez, presidente da asociación veciñal de Chapela, sinalou que esta parroquia está a ser agraviada de maneira dupla, pois amais de pagar a peaxe, tivo que sufrir as consecuencias da construción e, anos despois, da ampliación da AP-9".

 

"Levamos anos con estas reivindicacións e dánnos a razón, mais ninguén fai nada", lamentou o responsábel da entidade de veciñas e veciños.