Anxo F. Saborido, ecoloxista: "A xente que vive no rural é ecoloxista por necesidade e tamén por sentimento"

Anxo F. Saborido, presidente de Adenco, e unha proxección de homenaxe á asociación. (Adenco)

A asociación para a defensa ecoloxista do Condado (Adenco) fundouse o 24 de febreiro de 1990. Daquela, nun contexto complicado, xente moza desta comarca do sur da Galiza entendeu que había que loitar polo medio ambiente. Accións simbólicas como solicitar lixeiras nos centros urbanos deron paso a outras máis estruturais que a día de hoxe seguen a pleno auxe como pode ser a correcta xestión do lixo ou a depuración das augas residuais urbanas nos municipios. Agora toca vixiar a pospandemia e as súas consecuencias nun rural cada vez máis despoboado. 

Unha persoa ecoloxista nace ou faise?

O ecoloxismo está dentro de nós. Outra cousa é que nos tapen os ollos moitas veces vendéndonos unha situación que non é tal. A política quere que vexamos que a nosa relación co medio é cordial e equilibrada e non o é. A xente que decide dar un paso e participar nun movemento social, sexa ecoloxista, estudantil ou dunha asociación veciñal, decátase de que a relación entre os poderes non é nin moito menos igualitaria.

A sociedade está moitas veces esquecida e en relación á cuestión medioambiental está totalmente apartada. É algo que non dá votos, non interesa a curto prazo. Non interesa facer proxectos a longo prazo que son os que terían sentido a nivel ambiental porque non son relevantes para a sociedade. Moito do que na oposición se defende cando se está no goberno faise dunha maneira contraria. 

Cales son os perigos máis grandes que hai hoxe sobre a natureza galega?

Agora mesmo quen goberna é o brazo executor das forzas capitalistas máis importantes a nivel de destrución ambiental. Estamos falando dunha construción continua de elementos que desestruturan o territorio como poden ser parques eólicos, minas a ceo aberto   ou abandonar a xente no rural. A xente que vive no rural é ecoloxista por necesidade e tamén por sentimento, aproveita moito máis os recursos porque sabe o difícil que é obtelos.

Ao tempo que quitan recursos ao rural a todos os niveis como o transporte público que din que existe, mais que ten horarios que non podes usar. Afastar servizos públicos como facenda, servizos médicos ou servizos sociais. Tamén está dificultar o acceso á rede que non che soluciona os problemas. Con esta situación poden entrar con maior forza algunhas empresas a destruír o rural.

Cre que a pandemia mudará esta situación?

Non, en absoluto. Levo moito tempo e participei en moitos movementos sociais que falaban do mesmo. Tivemos a loita contra a guerra de Iraq, a catástrofe do 'Prestige', para parar os incendios forestais e moitas veces pensamos que ese era o punto de inflexión mais non. É certo que hai unha pequena porcentaxe que muda a súa relación co medio, dáse conta de que a situación non é normal. Despois da pandemia non queremos volver á normalidade porque a normalidade era o problema.

Hai xente á que lle dá igual. Quere que abran as cafetarías, que a roda siga xirando e no fondo é tamén o que queren os políticos, que a xente siga coas súas sinerxías e non pense que a relación co medio debe ser diferente, porque vivimos no e do medio, e iso é algo que se esquece constantemente. Somos algo insignificante neste planeta, e mesmo por un simple virus podemos deixar de habitalo. Pouca xente vai mudar a súa relación co planeta. É triste mais coido que será así. 

Temos cada vez menos “contornas idílicas” no noso país onde a natureza estea protexida e conservada?

Se existen eses espazos non forman parte de ningunha denominación que poidamos coñecer como son os parques naturais, nacionais, rede natura ou reservas da biosfera. Todos están ao dispor do que exixan plans xerais, de ordenación do territorio, estradas ou autovías que son os auténticos depredadores do territorio. Aínda que pareza paradoxal, ás veces é mellor non dalos a coñecer para que se sigan conservando. Cando se revela nas redes sociais, ao final degrádanse.