Anxo Baz: "Arruaz, vencellado co mar desde sempre; ese é o noso slogan"
—De que forma se funda o restaurante Arruaz na Guarda?
No ano 1999 a miña muller e máis eu non tiñamos traballo. Meu pai tivo que deixar o mar por caer enfermo, entón abrimos o local entre a miña nai, a miña parella e máis eu. Empezou como un bar de tapas e foi medrando até o que é hoxe o Arruaz.
O seu nome é en recoñecemento ao meu avó, que tamén era mariñeiro e como lle gustaban moito as sardiñas alcumárono Arruaz, que é como se di o nome do animal, o Arroaz, aquí, na zona da Guarda.
—Manteñen a herdanza do mar, da pesca...
Si, o que tratamos de facer xa desde un inicio é vinculalas. O noso slogan é "Arruaz, vencellado co mar desde sempre" e tratamos de que este ambiente no porto da Guarda perdure. O turismo está cambiando a identidade, a fisionomía, os costumes das vilas, non si? Nós tentamos manter o que temos: procuramos ter o local ambientado con detalles mariñeiros, empregamos o galego como lingua vehicular... Salvo algunha excepción que non paga a pena mencionar, a clientela do Arruaz entende o concepto de taberna galega que tratamos de coidar. E podemos comprobar que o galego non se cuestiona, respéctase.
—No seu estabelecemento tamén acollen a realización de eventos culturais.
Temos algúns períodos nos que organizamos concertos de música tradicional galega, participamos nalgunhas festas tamén e chegamos a ter cantos de taberna. Isto facémolo para que o Arruaz sexa algo máis que só un espazo gastronómico. Tamén pasou unha infinidade de grupos por aquí, e ata chegou a saír algunha letra do Arruaz, que nos dedicaron.
—Na súa oferta gastronómica tamén hai pratos do mar, quizais pola proximidade ao porto da Guarda?
A nosa carta vai moi condicionada ao noso espazo de cociña, que é pequena e o local tamén. Despois de gañar o paseo e a terraza o comedor foi crecendo, mais a cociña segue a ser das mesmas dimensións, polo que tratamos de ter un tapeo variado onde o mar estea totalmente presente. A carta tamén vai con produto do mar, tanto nos primeiros como nos segundos. A carne está case de modo testemuñal tamén. Ao non podermos facer tampouco mariscadas ou paellas, tratamos facer comidas sinxelas. O noso futuro pasa por aí, por ser fieis aos produtos orixinais e frescos.
Podemos presumir dos escabeches, dos bocartes en vinagre ou das voandeiras, que a xente nos felicita sempre por elas e están en dúas de cada tres mesas.
—E por que está Nós Diario no restaurante Arruaz?
Poderíase dicir que Nós Diario é o único xornal que se le no Arruaz. Porque é prensa do país, que se identifica coa filosofía do negocio, que pra nós é máis do que un negocio; ten que ser unha forma de vida.
Vencellados ao mar
Orestaurante Arruaz ten dende hai 26 anos unha tradición mariñeira da que non se separa. O local está deitado frente ao mar, e tamén fala na lingua do país no seu día a día, independentemente da clientela, porque lle gusta. A pesar de estar tan próximo da fronteira con Portugal e de ter moita clientela provinte do país veciño, non hai pratos de fóra da gastronomía galega na carta. Anxo Baz, dono do restaurante, comenta a Nós Diario que non é un problema para eles: "Cando veñen [os portugueses] están buscando precisamente o que hai aquí". Di tamén que, co paso dos anos, acadaron unha carteira de clientes portugueses moi fiel e que fan amizade.