Aínda estás a tempo de adquirir o anuario 2020 de 'Nós Diario': 128 páxinas a cor con novos contidos e unha escolma do ano

O máis relevante do ano, nesta publicación especial que aínda.

Nós Diario celebra o seu primeiro ano de vida coa publicación dun anuario de 128 páxinas a cor cunha selección de contidos publicados nos últimos meses e con análises realizadas para este Sermos Galiza especial.

Publicouse este sábado con Nós Diario por tan só 3 euros (as persoas subscritoras recibirano nas súas casas ou para a lectura na nube) e aínda podes hoxe, segunda feria, adquirilo. Unha ocasión única para gardar nun só exemplar os feitos que marcaron 2020 cunha óptica galega.

A publicación, alén da selección de contidos publicados nos últimos meses, incorpora análises escritas para este especial da autoría de Carme Adán, catedrática de Filosofía, que diserta ao redor do pensamento vinculado á pandemia; David Rodríguez, analista político e escritor, que achega as chaves políticas de 2020 cunha perspectiva a longo prazo; María Pilar García Negro, profesora da Universidade da Coruña (UdC) e especialista en Sociolingüística, que ofrece a súa visión a respecto da situación que atravesa o idioma galego; Joam J. Romero, economista, que explica o que deixa tras de si 2020 a respecto da economía e Natividad López Gromaz, responsábel do Gabinete de Economía da CIG, sindicato maioritario na Galiza, que debuxa os últimos meses a nivel laboral.

O director do Igadi, Daniel González Palau, analiza 2020 en chave xeopolítica e as liñas que fican abertas para o próximo ano; o profesor e filósofo Xoán Carlos Garrido desenvolve un percorrido polos feitos en materia de memoria histórica dos últimos meses; o escritor, investigador e crítico literario Mario Regueira repasa os fitos da literatura e o crítico de cinema Andrés Castro percorre 2020 da man do audiovisual. O deporte está presente coa análise do xornalista Omar Bello.

Os contidos seleccionados están asinados polas xornalistas Susana Rois, Alberte Mera, Alba Barbadillo, C. Barros e M. Vilas, Raquel C. Pérez, Mar Álvarez, Xacobe Ferreiro, Antón Escuredo, Pablo Barro, Fernando Arrizado, Irene Pin e Héctor Pena e pola colaboradora Cilia Torna.

A publicación do anuario coincide co inicio dunha campaña de subscricións que pon o foco en ampliar o número de asinantes que fagan posíbel un xornalismo galego, independente e honesto. Só entre todas e todos poderemos fortalecer un medio que este 2020 demostrou que é máis necesario que nunca, para informar sobre os intereses galegos.