Antonio Turiel, doutor en Física Teórica e experto do CSIC en enerxía: "A nuclear non é capaz de reaccionar ante situacións como o apagamento"
O científico e divulgador Antonio Turiel advertiu o ano pasado de que un suceso como o apagamento da segunda feira podía acontecer. Vén de publicar un novo libro coa editorial Destino baixo o título El futuro de Europa, e agora todos os ollos están sobre as súas reflexións para comprender que pasou. Nós Diario conversa co doutor en Física Teórica sobre o sistema eléctrico estatal.
—Vostede xa advertira de que o apagamento podía acontecer.
O ano pasado xa tivemos varios episodios nos que se estivo perto de situacións así e nos que se corría o risco de que media península quedase apagada. Ao final, foi na súa totalidade. Naquel momento un dos problemas principais, que tamén pasou neste episodio, é que por motivos económicos as centrais de gas de ciclo combinado estaban apagadas, en vez de estar preparadas para tomar o relevo se era necesario. Non se procurou aquilo que era o mellor para garantir a subministración, senón aquilo que daba máis beneficios ás compañías. E isto é o que acontece se xogas con lume, porque é un sistema moi delicado.
Neste caso, houbo outras características diferentes, particularmente un problema de estabilidade na corrente que motivou a caída. Mais, ao final, o problema vén sendo un pouco o mesmo, temos sistemas de produción renovábel introducidos de maneira desordenada, sen una clasificación, sen sistemas de estabilización que os acompañen, e chega un momento no que o sistema non está preparado para coller o relevo. Nos episodios do ano pasado, os procesos foron máis lentos, e o que se fixo foi apagar toda a industria do Estado español, o que se chama sistema de resposta á demanda.
—Como funciona este sistema e por que non se puido activar?
Ás empresas que están subscritas avísaselles con 15 minutos de anticipación e a cambio dáselles electricidade máis barata. Nos episodios anteriores tívose que apagar toda a industria subscrita, mais no caso da segunda feira o problema foi que se deu un fenómeno moito máis rápido.
Houbo un problema de sobretensión, producíase moita enerxía renovábel, e a pesar de que había indicios de que había inestabilidade, que había flutuacións, que subía e baixaba a tensión demasiado, ninguén fixo nada.
Era preciso activar os ciclos combinados e parar parte da produción, non se fixo e empezou a caer en cascada todo o sistema. De golpe perdéronse 15 xigawatts de potencia e, loxicamente, quedou todo apagado. Ten que ver con este modelo de xestión das renovábeis, espero que se aprenda a lección e que isto nunca máis volva acontecer.
—Fala vostede da necesidade de ordenar o sistema. Mais que hai que facer para conseguir isto?
O que non pode ser é que haxa un incentivo á produción sen consumo, que se cobre un prezo fixo aínda que o prezo de mercado sexa cero euros, que é o que pasaba na segunda feira. Inténtase cobrar a toda custa esa electricidade para ver cartos, polo que o propio sistema de prezos e os contratos subscritos non son os mellores.
Para seguir, se Rede Eléctrica Española detecta que hai problemas de estabilidade da rede ten que ordenar que se deixe de producir nesa vía, e se é necesario, pór sistemas de produción que son máis estábeis, como os ciclos combinados. Isto, por desgraza, imaxino que por motivos económicos e políticos, non se fixo a segunda feira. Ademais, a rede eléctrica tamén debe estar acompañada de sistemas de estabilización, que evitan que acontezan situacións como esta.
—Certas voces están introducindo a enerxía nuclear no debate.
Cando sucedeu o apagamento puxéronse as centrais nucleares en modo de emerxencia e están aínda así. A día de hoxe [esta terza feira] non se produce enerxía nuclear, non se está producindo nin un quilowatt de enerxía nuclear. Deixando á marxe o feito de que non se está buscando seguridade nin nada, o certo é que non se puido manter ese tipo de tecnoloxía acendida. Demostrouse que a nuclear non é capaz de reaccionar en situacións como esta.
—É eficiente o modelo de rede eléctrica que hai no Estado?
O modelo de produción non pode ser á custa de crear territorios de sacrificio. Hai un exceso de capacidade instalada e iso xustifícase unicamente polas redes especulativas. É un modelo que está comezando a presentar síntomas de esgotamento, houbo unha burbulla especulativa, igual que a do ladrillo. Agora é necesario pensar que facer no futuro e está claro que non é isto.
—Que opina do caso da Galiza?
O modelo de explotación na Galiza é, como noutros territorios, colonial. Con el o que se pretende é convertela nunha zona de extracción para intentar manter a calquera custo o actual sistema económico, sen ningún tipo de planificación e sen ter en conta se esta electricidade realmente vai poder ser aproveitada.
No caso galego, ademais, estase combinando este modelo con proxectos industriais moi destrutivos co territorio como son o de Altri ou o de Alcoa, que o que fan é converter aínda máis esta zona nunha terra de sacrificio. Non hai un modelo de desenvolvemento detrás desta realidade, hai simplemente extractivismo.
—Cal é a súa reflexión vendo o que acontece coa electricidade?
O punto clave é que o problema non son as renovábeis, son as renovábeis así. Esta non é a maneira, aquí favoreceuse un modelo que busca promover o negocio e permitíronse comportamentos irresponsábeis, que son os que nos levaron á situación actual. O sistema eléctrico pódese construír dunha maneira diferente e tamén moito mellor.
"Lonxe de ser unha solución", a nuclear "foi un problema"
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, advertiu esta terza feira de que aqueles que están a vincular o apagamento no sistema eléctrico peninsular que se produciu esta segunda feira á falta de nucleares "menten ou demostran a súa ignorancia". "Os cidadáns deben saber que durante esta crise as centrais nucleares, lonxe de ser unha solución, foron un problema, porque estaban apagadas e foi necesario desviar a elas grandes cantidades de enerxía para manter os seus núcleos estábeis", explicou. A pesar desta circunstancia, o líder estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo, afirmou esta terza feira que "se despois do que aconteceu, o Goberno non rectifica e non prorroga a vida útil das centrais nucleares, estamos xa nun suposto de absoluto disparate". Ademais, segundo a súa opinión, a xeración nuclear é unha "enerxía verde de cero emisións".