Entrevista

Antonio Rial Boubeta, profesor de Psicoloxía da USC: "O consumo de tecnoloxía require normas e límites"

Antonio Rial Boubeta, profesor da facultade de Psicoloxía da USC.
Antonio Rial Boubeta, profesor da facultade de Psicoloxía da USC, lidera desde hai máis dunha década estudos sobre mocidade, tecnoloxía e saúde; unha tríade que analiza e observa desde a evidencia científica co fin de favorecer un uso das pantallas menos problemático. Fronte á demonización, pide prevención e maior esforzo en educación.

—Os últimos estudos que liderou, impulsados por Unicef e pola Fundación Barrié, conclúen que un de cada catro adolescentes galegos fai un uso problemático da internet e das redes sociais.
Cómpre aclarar, antes de nada, que o uso da tecnoloxía, a calquera idade, é algo marabilloso porque brinda unhas posibilidades infinitas. Non hai que demonizala nin terlle medo, o que hai que ser é responsábel, e iso é sobre o que eu quero chamar a atención, como funcionario público que se dedica á academia e á investigación no ámbito universitario. Urxe pór enriba da mesa toda a evidencia científica que nos axude a mellorar a situación, a recoñecer os problemas e a afrontalos dunha maneira seria.

—E non hai dúbida de que existe un problema...
Esa é a primeira conclusión. Sen demonizar a tecnoloxía nin a mocidade, sen culpabilizar a ninguén, temos que ser conscientes de que a chegada  temperá de determinados dispositivos tecnolóxicos á vida da rapazada comporta algúns riscos, ademais dunhas oportunidades magníficas. Falamos do produto estrela deste novo milenio, porque é capaz de conectar coas necesidades do ser humano dunha maneira que non ten precedentes. Un teléfono móbil, unha tablet, un ordenador, as redes sociais, os videoxogos, os chats... son como unha lámpada de Aladino en mans dun rapaz ou dunha rapaza en plena adolescencia, un período crítico, transcendental, no desenvolvemento dunha persoa, sobre todo a nivel social, emocional e relacional.

A través deses dispositivos xogan, teñen contacto social, acceso a contido de sexual, a información, a solucións a problemas moi concretos. Nese intercambio poden chegar a sentirse ben, a gañar autoestima, a reafirmar a súa identidade, pero tamén todo o contrario. Polo tanto, o uso que fan da tecnoloxía interfire na súa vida diaria e pode chegar a repercutir negativamente no seu benestar e na súa forma de estar no mundo. 

—Pode chegar a enganchar?
A tecnoloxía vai moito máis aló do tecnolóxico. É un negocio moi potente que conecta moi ben a nivel do consumidor, polo tanto vai enganchar. Pero ademais, calquera conduta potencialmente adictiva que se inicie na adolescencia ten até catro veces máis probabilidades de converterse nunha verdadeira adición a medio prazo que noutra etapa na vida.

—A que idade entra o móbil na vida da cativada?
A media non chega aos 11 anos, iso significa que en moitos casos entra antes, cando as crianzas aínda non están preparadas, cando aínda se están a formar como persoas e son especialmente vulnerábeis. Temos que facer un exercicio de responsabilidade, non pedirlle á rapazada que se controle, que se autoxestione ou que non fedelle mentres poñemos nas súas mans unha porta aberta ao mundo 24 horas os sete días da semana.

Os rapaces que fan un uso intensivo da tecnoloxía sen supervisión desde idades temperás adoitan ter maiores problemas de benestar emocional. As taxas de depresión e de ideas de suicidio son maiores, a integración social e a satisfacción vital son menores. Pero tamén ten consecuencias a nivel de condutas de riscos: sexting, grooming, acceso a contidos pornográficos; de convivencia escolar e familiar e de vida saudábel: len menos e fan menos deporte.

—Que podemos facer? Onde e como actuar?
Temos que ser sensíbeis, decatarnos de que hai que actuar, e a mellor solución está na prevención.  A tecnoloxía está sendo a gran ferramenta de educación e socialización das novas xeracións e iso require supervisión. Fomentar as competencias dixitais  pero sobre todo as competencias humanas.

Prevención e acompañamento 

A diferenza da adicción ao xogo e aos videoxogos, a adicción ao móbil, ás redes sociais e á internet non está recoñecida pola OMS malia gozar "dunha alta prevalencia". "Está adquirindo dimensión de problema de saúde pública", advirte Rial Boubeta. A chave está na prevención. "Prevención escolar no uso de toda a contorna dixital, sólida e ben artellada. Iso implica educación afectivo-sexual, como contrapeso ao consumo que fai a rapazada nas redes e en internet. Pero tamén educación en valores, empatía, asertividade, non violencia". 

A prevención familiar comeza polo exemplo dos pais, di. "Ten que haber normas e límites para todos, para unha boa hixiene dixital, compartida: non se come nin se dorme co móbil, porque iso multiplica as condutas de risco". Así, recomenda atrasar a entrada do móbil na vida da rapaza, ademais  de falar, acompañar e supervisar de forma progresiva e adaptada á idade o uso que vai facer del. "Competencias dixitais  si, competencias humanas, máis", insiste.