Antonio López, reelixido reitor da USC nunhas eleccións cunha baixa participación

Antonio López foi elixido en 2018 (Foto: USC).
A súa era a única candidatura e foi superada polos votos en branco entre o estudantado.

Antonio López continuará como reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) durante os próximos catro anos. A súa era a única candidatura en liza nas eleccións da institución compostelá decorridas esta cuarta feira e que rexistraron un descenso de 6% na participación.

Unha caída que foi provocada polo descenso da mobilización no sector PAS e o estudantado, entre o que se produciron máis votos en branco que a favor da única lista presentada, a do reitor desde 2018 Antonio López, que, coas urnas fechadas, apela a traballar "desde xa" para facer fronte aos retos da institución dos próximos catro anos.

O propio reitor foi o encargado de ofrecer os datos de participación rexistrados nos comicios. Así, tanto no sector 1 (profesorado permanente) como no 2 (persoal investigador) subiu a participación a respecto de 2018, cun dato porcentual de 77,5% e de 34%, respectivamente.

Con todo, a baixada global márcaa o descenso entre os PAS (60,2%, nove puntos menos) e os estudantes, entre os que só 6,2% acudiron a votar. De feito, no sector de estudantes houbo máis votos en branco que a favor da única lista, a de López. "Non sei se non chegabamos a eles para que se pronunciasen, pero este período Covid é fácil que xere unha desafección", comentou o reitor.

López, que destacou que estas eran as primeiras eleccións decorridas electronicamente e que se produciron sen incidencias destacábeis, apuxo esta caída "previsíbel" da participación aos efectos da pandemia e o feito de contar con só unha candidatura en liza. En total, as eleccións fecharon cun total de 1.384 votos ponderados (unha vez aplicadas as puntuacións correctoras), polo que López subliñou que, pese ao descenso da participación, existiu "un apoio claro ao proxecto", especialmente na primeira categoría, a do PDI.

Así as cousas, Antonio López sinalou que o seu equipo leva traballando desde a proclamación das candidaturas para preparar á institución ante os retos que se aveciñan, entre os que destacou a elaboración das contas e a adaptación aos cambios que xera a reforma laboral para o persoal investigador.

"Isto non permite parar, estivemos a traballar e seguimos a facelo", apostilou López, cuxa proclamación como vencedor das eleccións está prevista para o próximo 9 de marzo. Logo diso, estímase que a mediados dese mesmo mes teña lugar a toma de posesión como reitor para os próximos catro anos.