Antonio Aguilera, experto en hepatite: "O adenovirus F41 só non explica a gravidade clínica"

Aguilera é responsábel da Unidade de Virus Hepatotropos no Hospital Clínico de Santiago. (Foto: Nós Diario).
A comunicación por parte do Reino Unido dun número de casos inusualmente alto de hepatite grave de orixe descoñecida en crianzas espertou a atención da OMS e das principais axencias sanitarias, que alentaron unha maior vixilancia ao tempo que se investiga a súa causa. 'Nos Diario' conversa co responsábel da Unidade de Virus Hepatotropos do Servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Antonio Aguilera.

—Que se sabe da hepatite aguda de causa incerta que afecta ás crianzas?

Polo momento transcendeu a caracterización duns 170 casos de hepatites de orixe descoñecida, distribuídos entre o Reino Unido (114), España (13), Israel (12), USA (9), Dinamarca (6), Irlanda (5), Holanda (4), Italia (4), Noruega (2), Francia (2), Romanía (1) e Bélxica (1). Nestes momentos todos os esforzos céntranse en atopar un responsábel para estes casos, que cursan cun nivel de transaminasas moi elevado (>500  UI/L) e onde se excluíu a infección polos virus principais virus hepatotropos (A-E). As principais hipóteses estarían nunha orixe infecciosa, pero sen descartar outras causas de orixe tóxica.

—Que é o máis desconcertante e o máis preocupante?

O máis desconcertante é a súa extraordinaria gravidade nalgúns pacientes, non en todos, que implicou a necesidade de transplante hepático en 10% dos pacientes infectados. O máis preocupante, ademais do descoñecemento da súa causa, quizais sexa que afecta a poboacións vulnerábeis como son as crianzas de 0 a 16 anos. Neste sentido, está a estudarse a frecuencia deste tipo de patoloxía en anos anteriores, para confirmar que efectivamente se trata dun incremento significativo no número de casos respecto a outros anos que xustifique a alarma.

—Que pode estar a enfermar os nenos e nenas?

Como o seu propio nome indica, descoñécese a causa etiolóxica desta hepatite aguda. Existen diversas hipóteses, entre elas a infección por adenovirus, concretamente polo adenovirus F41, debido a un incremento da susceptibilidade a este virus pola menor exposición durante a pandemia debido ao uso de máscaras, tamén a coinfección por adenovirus e SARS-CoV-2, que podería incrementar a susceptibilidade do hóspede incrementando a gravidade, sen descartar un novo axente infeccioso até o de agora descoñecido, nin tampouco os tóxicos. En calquera caso, hai que ser moi prudente e esperar a que existan evidencias consistentes ao respecto.

—O adenovirus centra unha das hipóteses principais. Que son e como se contaxian?

O feito de que se diagnosticase unha infección por adenovirus en 74 dos 170 casos descritos puxo o foco nesta familia de virus que adoitan ser patóxenos habituais do ser humano especialmente dos nenos. Os adenovirus son virus moi resistentes ás condicións ambientais e transmítense a través do aire, por contacto directo e tamén por transmisión fecal-oral. As medidas hixiénicas son determinantes para o seu control. Nos nenos producen un abano de patoloxías que inclúen síndromes respiratorias,  gastrointestinais, conxuntivites e cistites. Polo xeral non adoitan ser trastornos graves e resólvense de maneira autolimitada.

—O adenovirus explicaría por si só esta doenza en menores?

A infección por adenovirus tipo F41 non explicaría a gravidade do cadro clínico. Ademais, este tipo de adenovirus non se relacionou previamente cunha presentación clínica deste tipo, pois o adoita aparecer con diarrea, vómitos e febre, a miúdo acompañados de síntomas respiratorios.

—Por iso interesa investigar calquera relación co coronavirus, entre outras?

Nuns 20 casos identificouse a presenza de infección por SARS -CoV-2 xunto á de adenovirus, con todo, descoñécese o papel que poida desempeñar nesta patoloxía. Como di a OMS, hai que  investigar máis a fondo antes de poder descartar calquera tipo de relación co coronavirus. Por outra parte, as hipóteses que están a circular relacionadas cos efectos secundarios das vacinas contra a Covid actualmente non se sosteñen, xa que a gran maioría dos nenos afectados non a recibiron.

Tras o rastro dunha 'orixe descoñecida'

Para dar coa causa dunha hepatite grave de causa incerta, "o primeiro é descartar as causas máis habituais. Entre as de orixe infecciosa hai que descartar aos principais virus hepatotropos, como os virus das hepatites A, B, C, D e E, tamén aos herpesvirus e outros axentes infecciosos. Entre as de orixe non infecciosa hai que descartar que se trate dunha hepatite por tóxicos, medicamentosa ou autoinmune".

O perfil e a condición dos doentes tamén é esencial nesta busca. "Son moi importantes, por tratarse dunha poboación vulnerábel, especialmente as crianzas máis pequenas que aínda non teñen moi desenvolto o seu sistema inmune, o cal é moi importante de confirmarse a hipótese dun axente infeccioso como causante desta patoloxía". Ademais, confirma Aguilera, "calquera outra doenza de base contribúe ao agravamento dos síntomas e ao empeoramento da súa evolución, como se viu nun dos casos".