Antón Masa, presidente da Asociación pola Defensa da Ría: "Ence é pasado na ría de Pontevedra"

Antón Masa (esquerda) mostra o cartaz da marcha que decorrerá este domingo en Pontevedra. (Foto: A.V.)
A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) convoca a anual marcha contra a pasteira de Ence situada en Lourizán (Pontevedra), unha manifestación que partirá ás 12 horas desde dous puntos: a alameda de Pontevedra e a de Marín. Nós Diario conversa co presidente da APDR, Antón Masa, sobre a situación de Ence e as perspectivas de futuro para a ría. 

—Como prevé a marcha do domingo en contra de Ence?

O desenvolvemento será igual ao de anos anteriores, sairá unha columna de Pontevedra e outra de Marín, e xuntaranse as dúas diante da fábrica. Gustaríanos que este ano a marcha fose máis festiva tendo en conta a situación actual e que sempre asistiu unha cifra importante de xente. Despois da marcha haberá un xantar a prezos populares na alameda de Pontevedra, non fai falla inscribirse.

—Confiades en que non hai volta atrás para a saída da fábrica ?

Nós partimos da idea de que Ence xa é pasado na ría de Pontevedra, tardará máis ou menos en saír fisicamente pero entendemos que xa non ten ningún futuro na ría, e a partir desta situación, que é a real, neste momento están sen concesión.

Polo tanto, Ence está nun limbo porque hai un proceso xudicial en marcha, pero entendemos que non ten concesión en vigor e que a decisión do Tribunal Supremo non pode ser diferente á que ditou a Audiencia Nacional.

 Non hai ningún motivo de casación que poida usar o tribunal porque nas propias sentenzas da Audiencia Nacional recóllese a xurisprudencia do Supremo que sustentaba o porqué desa decisión. 

—E as alternativas defendidas polo Goberno?

Iso non só non debe ter percorrido legal, senón que é completamente ilegal, están xogando cos traballadores dicíndolles que van quedar alí ao adscribirse ao Porto de Marín e iso non é así, en todo caso os terreos poderían, pero non con Ence enriba, posto que o prohiben as leis que regulan os portos.
O único que podería darlle continuidade a Ence é unha decisión do Supremo contraria á Audiencia Nacional, que cremos que non se pode producir.

—Cal é o futuro sen Ence?

O cartel deste ano é bastante indicativo do que pensamos, cunha praia no lugar que ocupa Ence, xente desfrutando desa praia, árbores que non son eucaliptos, xente pescando e mariscando na ría, xente nadando e crianzas xogando na area.

Ese futuro vai ter un aire totalmente distinto ao pasado, vai servir para respirar e vivir con calidade de vida.

Entendemos que hai que recuperar un futuro que se perdeu cando chegou Ence, porque a ría de Pontevedra tiña un futuro baseado na explotación racional dos recursos, pero tamén no turismo ben entendido e no lecer.

A calidade de vida e a economía da bisbarra mellorarán moito, mesmo en postos de traballo, en comparación á época de Ence, ese é o futuro que queremos, que permite mesmo recuperar a zona que foi reenchida e roubada ao mar.

Con esta marcha iniciaremos un traballo para recuperar e redeseñar ese futuro, ao entender que Ence desapareceu temos moitas ideas xa, como recuperar esa zona roubada ao mar, valoramos deixar a autovía convertida nunha ponte, o uso da illa de Tambo, todo isto entraría nese futuro roubado e que impediu un desenvolvemento sustentábel e lóxico desta ría.

Nós nese futuro tamén vemos un futuro diferente para o monte galego, pasando de estar adicado á explotación madeireira de eucalipto para Ence a unha diversificación de usos, non só para explotación de madeira, senón tamén froitos, herbas aromáticas ou gando por exemplo. Hai unha serie de usos que se poden recuperar porque no pasado xa os houbo.