O Supremo reduce un grao as condenas a Antom Santos e María Osorio. Santos podería ficar libre en maio

O TS non aplica esa rebaixa a Roberto Fialhega, ‘Teto’, embora un voto particular dun maxistrado do Tribunal, Luciano Varela, si defende que se lle aplique a redución.

O Tribunal Supremo reduce a condena imposta aos presos independentistas Antom Santos e María Osorio a cinco anos e catro meses de cárcere, nunha decisión que abriría as portas a que Antom Santos saíse en liberdade nunhas poucas semanas, no vindeiro 2 de maio, por ter cumprida a pena, segundo cálculos da familia. María Osorio tería que agardar uns meses máis para a súa posta en liberdade xa que estivo por volta dun ano en liberdade provisoria antes do xuízo.

Manuel Quintáns, avogado destas persoas, explica en conversa con Sermos Galiza que na reforma do Código Código Penal en 2015 introduciuse unha disposición que permite aos tribunais reducir nun ou dous graos as condenas por delitos de terrorismo cando os feitos, atendendo a  medio empregados ou os seus resultados, son obxectivamente de menor gravidade. En base a iso, solicitaron a revisión de pena para Antom Santos, María Osorio e Roberto Rodríguez Fialhefa ‘Teto’. “A Audiencia Nacional dixo que non procedía”, indica Quintáns, polo que decidiron presentar recurso de casación no Tribunal Supremo. Ese organismo resolveu que si que cumpría a revisión de condena e acordou reducirlle un grao na mesma a Santos e Osorio, que estaban condenados a 7 anos e 9 meses cada un e que pasan agora a estalo a 5 anos e 4 meses. Un tempo que case acumulan en prisión.

Non aplicaron esta redución a Roberto Fialhega. Porén, na sentenza hai o voto particular dun maxistrado, Luciano Varela, partidario de que así se faga. Isto, explica Manuel Quintás, abre a porta a que se considere a posibilidade de interpoñer un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, se ben esta decisión aínda non está tomada.

Non é a primeira vez que o TS reduce a condena a presos independentistas galegos. En abril de 2014 rebaixou a Antom Santos e María Osorio a pena de 10 anos a 7 anos e 9 meses (que agora rebaixa de novo, desta vez a 5 anos e 4 meses). A Roberto Fialhega e Eduardo Vigo rebaixoulla naquela altura de 18 anos de cárcere a 13 anos e 9 meses.