Antom Lopes-Valeiras, membro de Amal Águas Limpas: "Creo que non se pode experimentar o verdadeiro amor á terra se non se pisa"

Antom Lopes-Valeiras, membro de Amal Águas Limpas

Amal Águas Limpas é unha entidade que desde 2005 realiza actividades ligadas ao montañismo e ao coñecemento do medio a través de roteiros e saídas. Antom Lopes-Valeiras, un dos seus membros, asegura que non hai nada mellor para coñecérmonos que saír dos núcleos urbanos e visitar a montaña. Máis alá da práctica deportiva, neste proxecto activan  con xenerosidade a transmisión da sabiduría popular para que non esquezamos o pasado que segue a pervivir no patrimonio que aínda gardan os habitantes do rural galego.    

Como nace Amal Águas limpas?

Xorde en 2005 cando se fai a primeira ruta como Amal. Segue o fío da tradición montañeira que xa traía a coordinadora galega de roteiros (Cogarro) e, se botamos a vista atrás, os Ultreia. A idea é ligar a militancia ao coñecemento do país. Ademais vivilo entre nós e con nós. O feito de saírmonos dos núcleos urbanos e socializármonos no monte fai que tamén o vínculo sexa entre nós e cara á terra. Creo que non se pode experimentar o verdadeiro amor á terra se non se pisa. Será moito máis estreito que se só o estudamos nos libros. 

Que actividades fai?

Roteiros non especializados. Algunha vez experimentamos escalada en colaboración co Centro Social Faíscas ou fixemos algunha ruta de bicicleta, mais nomeadamente facemos rutas a pé, moitas delas son andainas.

Que elementos teñen en conta cando prepara unha saída?

Buscamos primeiro saír das cidades e logo procuramos o coñecemento da historia que poida arrodear o lugar que visitamos. Miramos despois a xente que vai vir, a dificultade que vai participar, que sempre é moi variada. Dependendo deste último punto, facemos rutas máis ou menos difíciles. Calquera pode propor unha saída.

Aprenden tamén da poboación que atopan polos lugares que visitan?

Unhas veces é previo o contacto e tamén pasa por casualidade. Dá gusto falar coa xente autóctona, coñecen moi ben o seu contorno. Se consegues parar a falar, contan moito da súa historia, de como se relacionaban. Decátaste de como mudou agora que a montaña está desertizada. Lembro o caso de Requeixo, ao norte da Serra de Queixa, e Pedralbar, ao norte, estaban ligadas e agora están a máis de dúas horas de coche. Aínda así saben como se chaman as súas veciñas e veciños. Son unha fonte de saber do seu lugar.  

Como atopan o territorio nas súas saídas?

Hai un claro abandono do rural, en especial da montaña, que está en mans da industria forestal e da industria enerxética. A desertización facilita que ninguén se sinta afectado por isto. Andar por un eucaliptal de catrocentas hectáreas non é un monte, é unha industria. É moi distinto patear bosque autóctono. Na costa pasa o mesmo e con moita máis concentración da poboación cando no interior hai multitude de aldeas a piques de desaparecer que agora teñen dous ou tres habitantes.

Que opina da regulamentación en materia de campismo no territorio?

Cando facemos os campamentos pedimos permiso ao concello do lugar. Nós temos durmido no monte se nos colle a noite. A normativa sobre o campismo obedece ás necesidades que o turismo trae de regulamentación. Ao sermos un destino turístico, o noso país podería converterse nun festival permanente no verán. A actividade de montañeiras e montañeiros non xera ningún prexuízo para o monte.

Faltan experiencias semellantes para cativas e cativos?

Desde logo. Como país hai unha gran falta de oferta deste tipo. É moi importante transmitir o saber que atopamos nós coas saídas á montaña para que esta teña futuro. No noso caso comezaremos agora incorporando cativas e cativos nas vindeiras saídas.