O antigo cárcere de Ourense continúa sen uso e fechado con moito deterioro

Un aspecto do antigo cárcere de Ourense

As infraestruturas continúan sen ter nen unha finalidade nen un aproveitamento para o conxunto da poboación

O cárcere de Ourense foi o aloxamento de moitas persoas presas de toda a provincia até hai aproximadamente trinta anos. Após este período fechado e con moitos debates municipais levados a cabo, o lugar continúa a deteriorarse co paso do tempo, nomeadamente a causa  dos temporais. 

 

O edificio foi construído a mediados do século XIX co obxectivo de albergar e recluír as e os presos que cometeran calquera delito. Atópase no centro da cidade, como edificio perto das infraestruturas das Burgas e que posúe unha arquitectura, polo menos dende o exterior, moi chamativa, tanto para os propios cidadáns de Ourense coma para os turistas que ano tras ano visitan a cidade termal.

 

Aínda a día de hoxe consérvase no arquivo histórico da cidade toda a documentación da antiga prisión na época do franquismo e podemos destacar que sexa algo inédito porque a meirande parte da documentación sobre os e as presas desa época foron destruídas. En Ourense hai moita documentación e por iso podemos asegurar que se pode reconstruír á perfección o funcionamento administrativo e documental da institución penintenciaria durante unha das épocas da historia do Estado Español da que menos documentación e menos memoria se ten.

 

E a verdade é que resulta algo singular imaxinar como se desenvolvía a vida no interior do cárcere. As pequenas salas e os corredores estreitos caracterizaba a maior parte da arquitectura das instalacións. Asemade, tamén consta dun patio central, a día de hoxe cheo de herba e maleza por onde non hai moito circulaban moitas persoas todos os días, sendo este o único espazo no que tiñan acceso á luz do día. Continúan as instalacións coas salas de vis a vis, escuras e precarias, como case toda a infraestrutura. 

 

Así e todo, e despois de fracasados os distintos intentos emprendidos desde o goberno local por reparar o edificio, o certo é que o complexo a día de hoxe continúa fechado para todo aquel que se interese por descubrir algo máis do pasado da súa cidade, ou mesmo da cidade que está a visitar. Continúa sen ter un uso termal e moito menos cultural. Continúa todo igual dende que en 1987 deixase de ter o uso de vella prisión provincial.