Antidisturbios desaloxan pola forza @s praceir@s fechad@s no mercado de Pontedeume

[Imaxe e vídeo: GZ-Contrainfo]

Levaban 17 días de encerramento en defensa dos seus postos de traballo após o Concello (PP) impor o seu translado a unhas instalacións que non cumpren cos requisitos mínimos nin teñen permisos de Sanidade nin garanten a continuidade das concesións. 


Levaban 17 días fechadas no mercado de Pontedeume até que esta segunda feira foron desaloxadas á forza polos antidisturbios, a Guardia Civil e axentes da policía local. O Goberno local impón o seu translado a unhas instalacións provisionais que, segundo denuncian @s traballador@s, non teñen permisos de Sanidade, nin reúnen as condicións míminas nin garanten a continuidade das condicións dos postos, pois moitas delas caducan en 2015. 

Son @s praceir@s que teñen un espazo no mercado eumés. "Os nosos postos son totalmente legais; non teñen denuncia ningunha nin de sanidade nin de inspección de traballo nin de nada. O que está mal é a contorna do mercado polo descoido do Concello", denunciou en conversa con Sermos Galiza Carme López, voceira d@s praceir@s, quen non atina a sinalar "cal é o interese que teñen en desmantelar os nosos espazos".

O 11 de novembro fixéronse 37 anos desde que López abriu a súa carnizaría na praza de abastos desta vila. "Desde que tiña 15 anos", apuntou, a respeito do tempo que leva a traballar alí. "De palabra dixéronnos moito, pero por escrito non puxeron nada", queixouse a praceira. O que lles dixeron --desde o Goberno local que encabeza Gabriel Torrente (PP)-- é que terán que carrexar todo canto teñen para unhas instalacións provisionais a carón do porto para acometer unhas obras de rehabilitación no tellado do mercado. 

Se @s empregad@s non caben no posto "que os despidan"

Porén, ese translado non ofrece garantías de continuidade nin para os estabelecementos nin para os postos de traballo. "Os espazos que nos dan non reúnen as condicións mínimas", explicou Carme López namentres se concentra ás portas do Concello canda o resto de praceir@s e veciñanza do lugar para exixir unha solución, ao tempo que os grupos da oposición --BNG e PSdG-PSOE-- manteñen unha xuntanza co alcalde. "Non hai estantes nin onde poñer os produtos en frío", subliñou López.

Por haber non hai tampouco espazo para @s propi@s traballador@s. "Desde o Concello xa nos dixeron que quen teña empregados e non caiban todos no posto que os despidan, que seica non pasa nada", dixo. Ás seis da mañá desta segunda feira 18 de novembro botárona das instalacións do mercado canda o resto de traballadoras.

17 días fechadas ''e ninguén sabía nada''

"Viñan con porras, con cascos e até nos dixeron que traían un ariete para arrombar coa porta", describiu Carme López. Segundo contou, déronlles "cinco minutos" para recoller as súas pertenzas "e non traían orde ningunha, pensamos, porque o papel que ensinaron non nolo deixaron nin ver de perto nin ler".

Por todo o sinalado até aquí, @s praceir@s reclaman "unha solución" que pasaría por asinar por escrito as condicións que terían nos postos provisionais, así como que se garantisen tanto a continuidade deste como as condicións mínimas para desenvolver a súa actividade con normalidade. Con todo, López acrecentou que "non é que temamos, é que sabemos" que o PP eumés pretende desmantelar o mercado. "O problema é que levabamos pechadas 17 días e fóra de aquí ninguén sabía nada", concluíu.