Antidisturbios agreden cidadanía, alcaldes e deputadas diante do Parlamento galego

Imaxes: CC BY-SA Sermos Galiza

Unha ringleira de 30 policías españois impide @s mariñeir@s do cerco achegárense ao Parlamento. Previamente, os antidisturbios trataron a empurróns alcaldes do BNG, Anova e PSdG-PSOE que se concentraron contra o taxazo de Sogama e impeliron con forza contra as deputadas nacionalistas Tereixa Paz, Carme Adán e Montse Prado.

 

Até 12 grilleiras de antidisturbios rodean arestora o Parlamento galego. A empurróns e botando man de pelotas de goma, a policía española impediu o acceso na Cámara a integrantes das plataformas contra a estafa das preferentes, que o solicitaran de maneira pacífica.

Cando deputadas e alcaldes --alí concentrad@s contra o taxazo de Sogama-- quixeron mediar para que @s activistas contra o calote non fosen tratad@s de maneira violenta, a resposta dos antidisturbios foi empurrar a deputada nacionalista Tereixa Paz contra o valo que separa @s manifestantes da rúa, colocado pola propia policía e que só permite a entrada polos laterais.

Empurróns tamén contra @s rexedor@s de BNG, Anova e PSdG-PSOE que protestan diante do Parlamento, contra as deputadas nacionalistas Carme Adán e Montse Prado e mesmo contra o voceiro nacional da formación frontista, Xabier Vence, a quen chegaron a agarrar pola caluga para exixir que se colocase detrás dos valos.

Protestas do cerco

A rúa do Hórreo está cortada en ambos os dous sentidos desde que se coñeceu a nova de que @s mariñeir@s do cerco que protestaron en San Caetano --da Galiza mais tamén de Asturies-- preregrinarían até as portas da Cámara.

Momentos de moita tensión e unha ringleira de 30 antidisturbios impeden que se acheguen ao Parlamento.

Unha sorte de acordo verbal entre a policía española e @s manifestantes impedirá as cargas de se manteren onde se atopan agora, nun lateral do edificio parlamentar. Porén, e malia que @s mariñeir@s non se moveron, xa se rexistraron os primeiros enfrontamentos. Óuvense berros de Isto é un atraco, Afundir a frota e Os ladróns están aí dentro.

Aliás, esixen a demisión da conselleira do Mar, Rosa Quintana e do ministro español de Pesca, Arias Cañete e anuncian que secundarán unha folga no ensino convocada polo Sindicato de Estudantes prevista para os días 26 e 27 de Marzo "para sermos máis". A cambio, o estudantado pendurará nos IES faixas de apoio aos e ás traballador@s do sector do cerco. 

Compromiso dunha reunión cos grupos parlamentares

O grupo de manifestantes do cerco que entrou na Cámara galega saíu co compromiso dunha xuntanza cos grupos parlamentares. En conversa con Sermos Galiza, achegaron un exemplo claro da situación en que se atopan: "un barco basco ten tanta cota coma toda a frota de Portosín". 

Cómpre sinalar que a loita do cerco xa ten banda sonora, a que aparece recollida no vídeo que penduramos máis abaixo, do álbum recopilatorio 7 portas, 7 mares publicado en 1998 e que resoou forte na rúa do Hórreo para acompañar o xantar d@s traballador@s. 

 

Barricadas na rúa do Hórreo

Os e as traballador@s do mar que se achegaron esta terza feira até o Parlamento galego empregaron colectores do lixo para construíren unha barricada. Do outro lado, ducias de antidisturbios preparados para encetaren unha carga policial que, segundo eles propios recoñeceron falando entre si, "de momento" non incluirá o disparo de pelotas de goma. 


((Seguiremos informando)))