Anticorrupción mantén a petición de condena do PP por lucrarse coa Gürtel

Pide rebaixa de pena para Bárcenas e mantena, entre outros, para Pablo Crespo, ex-secretario de Organización do PP galego (85 anos de cárcere)

Fiscalía Anticorrupción elevou esta segunda feira a definitivas as súas peticións de penas para 37 acusados da trama Gürtel. Destaca a rebaixa de 3 anos de prisión para o ex-tesoureiro do PP Luis Bárcenas ao eliminar a súa acusación por un delito contra a Facenda Pública. Para Francisco Correa mantén a petición de 125 anos de prisión.

 

Por outra banda, retirou os delitos contra a Facenda Pública dos que se acusaba o ex-conselleiro madrileño Alberto López Viejo. Mais mantén a petición de que o PP sexa multado con 245.492 euros e a ex-ministra de Sanidade Ana Mato con 28.000 euros ao ser partícipes a título lucrativo.

 

Rebaixa aos arrepentidos

Aliás, a Fiscalía rebaixou a petición de pena para os tres acusados que confesaron os feitos no xuízo, o empresario Jacobo Gordonk, o ex-edil de Pozuelo de Alarcón, Roberto Fernández e o construtor García Pozuelo.

 

A fiscal mantén as peticións de pena para o resto de acusados, entre os que destacan Pablo Crespo, 85 anos e 6 meses;  que foi secretario de Organización do PP de Galiza e número 2 da rede. Álvaro Pérez Alonso "O Bigotes" (5 anos e dos meses). Igualmente para os ex-alcaldes das localidades madrileñas de Majadahonda Guillermo Ortega (50 anos e 10 meses) e Pozuelo de Alarcón Jesús Sepúlveda (15 anos e 4 meses), este último ex-marido da ex-ministra de Sanidade Ana Mato.