Caderno de Verán

Antía Jácome, padexeira: "Vai ser un verán divertido, non todas as deportistas poden dicir que van participar nuns Xogos Olímpicos"

En 'máis', caderno de verán, entrevistamos esta deportista pontevedresa, que se clasificou para as Olimpiadas de Toquio.

A comezos de mes coñeciamos a noticia de que se clasificou para as Olimpíadas de Toquio, moitos parabéns! Como cres que será este verán tan marcado polas competicións?

Moi movido, pero estou moi ilusionada por conseguir a praza, aínda non o creo! Agora quedan os últimos días de adestramentos antes de marchar a Toquio e temos que aproveitar ao 100% estes momentos para poder dar a nosa mellor versión. Coido que vai ser un verán divertido facendo o que máis desfruto e penso que o vou pasar moi ben. Non todas as persoas deportistas poden dicir que van participar nuns Xogos Olímpicos e xa só vivir a experiencia é algo incríbel para min.

Como conseguiu manterse en forma durante o confinamento?

Resultou bastante difícil, pero o pouco material que tiña na casa foi suficiente para conseguir sacar adiante todos os adestramentos que me mandaban. Deixáronme un ergómetro, que simula unha canoa pero estática, co cal puiden traballar nas sesión de auga e axudoume a manter a forza.

Estes Xogos Olímpicos van ser os máis paritarios, vostede que opina da situación da muller no deporte?

Xa era hora duns Xogos máis igualitarios. Esta edición, por exemplo, é a primeira na que a canoa feminina, a miña modalidade, é olímpica, polo que vou ser a primeira muller galega en representar o Estado español nesta disciplina. É un orgullo para min poder ser un referente para todas as novas xeracións de rapazas que veñen detrás. Sen dúbida, a miña referente, aínda que compita na modalidade de Kayak, é Teresa Portela, unha gran muller como persoa e como deportista; e por suposto David Cal.

Ademais do deporte, que lle gusta facer no seu tempo libre?

Gústame moito saír coas miñas amigas, ir á praia, e coller unha semana de desconexión. Principalmente desfruto moito pasando o tempo coas miñas amigas, e hai moito que non as vexo.

Di que lle gusta ir á praia, hai algún lugar especial ao que vaia durante as vacacións?

Teño unha casiña preto de onde viven meus avós, en Borela, un lugar moi tranquilo ao que me gusta ir para desconectar. Vénme moi ben pasar alí unha temporada para relaxarme.