Anteparos, quendas ou asentos fixos, algunhas das medidas nos comedores escolares

A Xunta deu a coñecer os protocolos específicos para atención á diversidade e os comedores escolares (Imaxe: Europa Press)

A Consellaría de Ensino actualiza o seu protocolo e publica os específicos de atención á diversidade e o servizo de comedores.

Os servizos complementarios e os colectivos especialmente vulnerábeis formaron parte da lista de demandas e reclamacións das asociacións de nais e pais ante a incidencia da Covid-19 desde o arranque da pandemia en marzo, sobre todo de cara a este novo curso. Aínda esta cuarta feira, 23 de setembro, xornada de folga do profesorado, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade deu a coñecer os seus protocolos específicos para atención á diversidade e os comedores escolares.

A Xunta publicou a actualización das instrucións de adaptación dos centros á situación sanitaria, na que inclúen tanto o uso de barreiras transparentes separadoras e a  semipresencialidade como outra serie de medidas e matizacións avaladas a pasada semana polo comité clínico da Xunta, ademais das citadas normas específicas para comedores e para atención á diversidade.

No caso dos comedores, o texto recolle algunhas medidas xa coñecidas e aplicadas na comunidade escolar, posto que o curso académico xa arrincou na totalidade de Infantil e Primaria e en parte da ESO, Bacharelato e FP.

Os centros permanecerán abertos durante todo o curso para garantir o servizo e as actuacións son similares ás doutros espazos: máscara obrigatoria, limitación aos 1,5 metros de separación e uso de anteparos naqueles casos en que esta distancia non sexa posíbel.

Así mesmo, auméntanse o número de quendas para reducir a capacidade no momento do xantar e permítese utilizar espazos lindantes para poder cumprir coas medidas de seguridade. O persoal debe respectar sempre a ratio que corresponda ao número de alumnado presente en cada unha das quendas.

Acompañamento

O alumnado contará con sitios fixos e acudirá agrupado por aulas, “na medida dos posíbel”, para manter o grupo ao que pertenza; utilizará pratos individuais e manterá a distancia en caso de liñas de autoservizo. O alumnado terá que levar como mínimo, unha segunda máscara de recambio e un estoxo para gardala no momento da comida.

No caso dos grupos de convivencia estábel, serán acompañados desde a porta da aula ao baño para asegurar a hixiene de mans e, unha vez terminada a comida, sairá por orde e agruparanse en patios ou espazos habilitados.

As e os traballadores usarán máscara en todo momento e o persoal de cociña lavará e  desinfectará todo o material, electrodomésticos e utensilios utilizados durante a elaboración dos menús.

Unidades de educación especial

O segundo dos documentos atende especialmente ao alumnado con necesidades específicas. Con carácter xeral, estas e estes estudantes manterán as catro medidas esenciais; uso de máscara, hixiene de mans cinco veces ao día, distancia interpersoal de 1,5 metros e potenciación da ventilación de espazos fechados.

Para os casos en que non sexa posíbel o uso de máscara, extremarase a hixiene de mans e o cumprimento estrito da distancia de seguridade, e que se poderá complementar co uso de barreiras transparentes de separación. A ventilación será necesaria, ademais, en salas nas que o alumnado faga uso de elementos educativos como colchóns ou elementos de estimulación sensorial.

O alumnado con necesidades educativas formará parte do grupo de convivencia estábel da aula ao que pertence, aínda que se abre a porta a que o centro impulse Unidades de Educación Especial sempre de acordo coas familias.

Outras medidas apuntan a garantir a accesibilidade mediante pictogramas en cartelaría e adaptación da información a modalidades de lectura fácil, entre outros exemplos, e recoméndase a creación dun documento de adaptación específico de medidas de seguridade para cada alumna e alumno, que sería elaborado polo departamento de Orientación.