Anpas de Vigo 'plantan' a xestión de comedores mentres a Xunta non poña recursos, un protocolo concreto e supervisión

comedor_escolar

A Federación Olívica de Asociacións de Pais e Nais de centros escolares de Vigo (Foanpas) acordou facer "un plante na xestión" das chamadas actividades complementarias que se ofrecen nas escolas, entre elas comedores e aulas matinais, até que a Xunta garanta recursos e un protocolo concreto para aplicar medidas de seguridade sanitaria, distanciamento e distribución dos espazos, para evitar posibles contagios de coronavirus.

Así o trasladou Foanpas nunha rolda de prensa, na que o seu presidente, Miguel Álvarez, subliñou que dan de prazo até o 20 de agosto para que a administración estableza un protocolo concreto para estes servizos, "validado por un inspector sanitario ou persoal equivalente", e lembrou que as Anpas de Vigo xestionan case unha trintena de comedores.

A ese respecto, os responsábeis desta organización subliñaron que debe supervisarse "centro por centro" a aplicación desas medidas e que a Xunta debe achegar "os recursos necesarios" para que se cumpran, como biombos, xel hidroalcohólico, material desbotábel, etc., así como o persoal adecuado.

Foanpas tamén reclamou que se habilite "persoal específico de desinfección" en coordinación cos concellos e que, en todo caso, que figure "por escrito" que a aplicación do protocolo previsto para o retorno ás aulas e a responsabilidade do que poida ocorrer "é da Xunta, que é a autora dese protocolo".

"Deberían empezar por ter un equipo para asesorar e supervisar todos os centros, o que non se pode é visitar os colexios coma se fosen rodar unha película de vaqueiros de baixo orzamento, que é o que se está facendo", lamentou a portavoz de Foanpas, Bertila Fernández.

Por outra banda, os representantes das asociacións de pais e nais, que lembraron que as Anpas asumiron a xestión destes servizos "porque era unha necesidade e a administración non o facía", trasladaron a súa preocupación porque as medidas presentadas pola administración galega "non garanten o peche da fenda dixital e tecnolóxica", por falta de dispositivos e de conectividad para todos os alumnos, ante un "probable" novo confinamento total ou parcial nos próximos meses.

Así mesmo, tamén reflectiron a "incerteza" que xera en toda a comunidade educativa a medida de distanciamento interpersoal nas aulas (un metro entre os centros das cadeiras de cada estudante) pola súa "falta de rigorosidade científica" e porque suporá que, na práctica, "haxa a mesma cantidade de alumnos nas aulas pre-Covid e agora, que tamén son 25 e sen máscara".