Educación

A falta de recursos deixa os centros escolares de Vigo ao límite: "Non se pode recortar onde non hai"

Rolda de prensa de Foanpas coa súa presidenta, Iria Salvande, no centro. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
Foanpas denuncia a supresión, sen previo aviso, da praza dunha docente que se xubilou no CEIP Igrexa-Candeán, cando o colexio xa fixera toda a planificación contando con esa praza. "Trátase dun colexio pequeno con moita diversidade. O feito é que os políticos alardean da atención á diversidade pero, ao reducir postos, non podemos dar esa atención correctamente", censuran.

A Federación olívica de asociacións de nais e pais do alumnado de Vigo e comarca (Foanpas) denunciou esta terza feira a "situación límite" que viven moitos centros escolares da zona pola falta de recursos: "Non se pode recortar onde xa non hai", aseguraron desde a entidade. En rolda de prensa, a súa presidenta, Iria Salvande, criticou o "recorte importante" de profesorado que sufriron certos colexios e institutos.

Salvande explicou que algúns centros contan cun só orientador para máis de 800 estudantes, mentres que os especialistas de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Lingua (AL) para crianzas con necesidades especiais en varios casos están itinerando entre dous centros con máis de 50 quilómetros de distancia, polo que dispoñen de menos tempo para atención. "Hai moitas queixas. Falamos coa Delegación Territorial e seguen sen liquidarse", censurou, ao tempo que puxo o foco na "sanguenta masificación" de certos institutos que non contan co "profesorado suficiente" para ofrecer a mellor educación posíbel.

Tamén se referiu ás infraestruturas dos colexios, que en moitos casos teñen máis de 50 anos e precisan de investimentos. Neste punto, falou de varios muros de carga das leiras dos centros, que están valados polos seus problemas estruturais, polo que non se permite aos nenos e nenas achegarse a eles ante o risco de caída.

Un dos puntos que máis preocupa a Foanpas é o caso concreto do CEIP Igrexa-Candeán, que, tras a xubilación dunha docente, suprimiu esa praza, sen que fose publicado no Diario Oficial da Galiza (DOG) nin fose informada a dirección do centro. Foi a pasada quinta feira, 7 de setembro, cando a Consellaría avisou a directora, Asunción Portela, de que esa praza non se ía a cubrir, tras as súas reclamacións.

Precisamente Portela criticou esta situación, xa que o centro xa fixera toda a planificación contando con esa praza, debido a que en todos os documentos oficiais aparece como que continúa activa. Agora, víronse obrigados a modificar en dous días todo o planeado desde xuño, polo que a propia dirección e os especialistas teñen que asumir en conxunto unha titoría, reducindo o nivel de atención aos alumnos.

"Trátase dun colexio pequeno con moita diversidade. O feito é que os políticos alardean da atención á diversidade pero, ao reducir postos, non podemos dar esa atención correctamente", apostilou.

Bolsas comedor do Concello

Por outra parte, desde Foanpas tamén insistiron en pedir ao Concello de Vigo que xestione "cando antes" as bolsas comedor do alumnado, para evitar a situación do ano pasado, cando se atrasaron meses, polo que as familias víronse obrigadas a pagar até decembro, cando se concederon e devolvéuselles o diñeiro (no seu caso).

Salvande salientou que moitos pais e nais "non son capaces" de facer fronte a ese adianto de diñeiro. Aliás, algúns deles non mandan as crianzas ao comedor pola incerteza de que se non lles conceden a bolsa, non poderán pagalo durante todo o ano. "Non entendemos que isto non estea liquidado a 1 de setembro. Polo menos saber quen van estar becados e quen non. Nin sequera hai previsión de cando se saberá", sentenciou, lembrando a polémica de anos anteriores.