Anpas Galegas reprochan a Educación que “presuma” da atención á diversidade cando é “un dos seus maiores fallos”

(Foto: Arxina)
A Confederación de Anpas Galegas piden reunirse coa Consellería para demandar maior coordinación na atención á diversidade.

A Confederación de Anpas Galegas pediu unha reunión á Consellaría de Educación para tratar a atención á diversidade nos centros escolares e, en concreto, para demandar maior coordinación á hora de atender as persoas que xa teñen recoñecido o dereito a esa atención.

Cre que "non ten ningún sentido" que unha familia teña que estar a explicar a situación, "ano tras ano, docente tras docente, etapa tras etapa", cando, afirman, "o propio sistema debería de encargarse de que a atención ao alumnado con necesidades de apoio fose un camiño continuado, no que cada chanzo se apoie no anterior dunha maneira coordinada".

Nun escrito dirixido á Consellaría, as Anpas sinalan que as familias están "fartas" de que sexa a propia Administración educativa "o maior dos problemas" á hora de enfrontar a atención á diversidade". "Ben pola súa propia inacción ou falta de medios, ben pola falta dunha inspección proactiva para o efectivo cumprimento da normativa, ou ben simplemente pola enorme falta de formación do persoal dos centros educativos", manifestan.

Perante esta situación, demandan a Educación que se estabeleza un protocolo de actuación polo que o alumnado diagnosticado e informado "manteña a atención correspondente desde infantil até a realización da ABAU "sen necesidade de que a familia necesite renovar máis información daquela que coxunturalmente poida cambiar".

"O alumnado con necesidades educativas ten que estar atendido sempre e a información que atinxa esa atención debe precedelo en todo momento, en cada aula, con cada docente, en cada etapa das que teña que pasar dentro do sistema, teña tres ou 18 anos; estea a aprender a ler, ou realizando a ABAU", expoñen.

Así mesmo, critican que a atención á diversidade sexa "un dos maiores éxitos dos que presume" o Goberno galego e, á súa vez, "un dos maiores fallos do propio sistema educativo". "Parece que a realidade que esa Consellaría proclama e a que nós vemos todos os días, pertencen a países e sistemas educativos diferentes", conclúen.