PIDEN SOLUCIONAR O CASO DO RAPAZ DE MUXíA

As ANPAS piden que as doenzas non sexan atrancos insuperábeis na vida escolar

Aula baleira

A Confederación de ANPAS esíxelle á Xunta a normalización das situacións de ensino a domicilio no caso de enfermidades graves ou crónicas, como no caso do rapaz de Muxía. Para iso, demanda unha normativa “claramente aplicábel, sen físgoas que a fagan profunda”.

A Confederación de ANPAS entregou no día de onte un escrito diante da Xunta de Galiza no que insta a Consellaría de Educación a solucionar o caso do rapaz de Malpica que padece cancro e que, tal e como sinala a agrupación, “está sendo mal atendido pola administración educativa galega”. E é que lle “impide o seu dereito a contar con atención no seu domicilio.

Ademais, as ANPAS pídenlle a Educación que normalice as situacións como a do rapaz de Muxía, cunha normativa claramente aplicábel para non ter que esperar a que os casos sexan publicados polos medios de comunicación. “Observamos sistematicamente como é necesario xerar unha alarma social para que exista unha reacción da administración educativa”, sinalan as ANPAS no escrito presentado, “a cobertura das necesidades educativas do alumnado, de calquera nena ou neno pero máis aínda para os que cumpren os requirimentos para a atención domiciliaria, non pode ser obxecto de propaganda, nin andar ao vaivén das demandas mediáticas”.

Como se garante esta continuidade cunha atención de catro horas á semana

A Confederación lémbralle á Xunta a súa propia normativa, que estabelece que “a atención educativa domiciliaria terá como finalidade a continuidade do proceso formativo do alumnado que curse ensinanzas de réxime xeral en modalidade presencial en centros sostidos con fondos públicos e que, por prescrición facultativa, debido a enfermidade ou lesión, non poida asistir con regularidade ao centro por un período prolongado de tempo”.

En relación a esta normativa, as ANPAS pregúntanlle a Educación “como se garante esta continuidade cunha atención de catro horas á semana”, “que continuidade terá ese proceso formativo cando este neno se incorpore novamente ao ritmo normal da súa idade con esa exigua formación” e se “non abondará coa dificultade de readaptación á vida ordinaria logo dunha tal experiencia, como para por riba incrementala con problemas formativos que poderían ter sido resoltos doadamente pola administración educativa”.