Anpas Galegas pide transporte gratuíto para o alumnado do rural

O informe destaca as "desvantaxes" do alumnado do rural. (Foto: Europa Press)
A plataforma vén de facer públicas as conclusións dun informe que analiza as condicións do alumnado que cursa os seus estudos en zonas rurais, e que apuntan á "clara desvantaxe á hora de acceder ao ensino preuniversitario non obrigatorio"

Entre os motivos, a plataforma de familias apunta á "importante deficiencia nas conexións de transporte público entre as zonas rurais e os centros de ensino non universitario de referencia", situación que dificulta a igualdade de oportunidades, incrementa a desvinculación do alumnado co rural e favorece o abandono do medio, ademais de supor un importante custo económico para as familias. 

Con estas evidencias, Anpas Galegas chama a Xunta a ofrecer transporte dispoñíbel e gratuíto ao alumnado do rural, tamén nas etapas non obrigatorias, "para que teña a posibilidade de manter alí a súa residencia, a súa vida académica e a súa futura vida profesional".

"Sen gratuidade hai discriminación sobre a oferta urbana e, se hai diferenza, é outra lousa que se pon por riba do rural galego", advirte a entidade.

A situación, agravada polas condicións que impón a prevención de contaxios do coronavirus, xa fora anticipada por Anpas Galegas na última xuntanza co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, polas restricións que impedía o acceso ao servizo para estudantes de Bacharelato ou FP, por quedar fóra do ensino obrigatorio.

Con todo, a organización considera que se trata non dunha cuestión circunstancial derivada da Covid-19 senón do "gran problema" do ensino público, e culpa a Xunta dunha "política errática que non dá resposta ás necesidades".

Neste sentido, demanda  unha "discriminación positiva" para os centros do rural, coa finalidade de garantir o dereito educativo e de evitar a súa despoboación e o abandono. 

Como lembra, na Galiza hai 257 institutos públicos de Secundaria, dos que 180 corresponden ao rural, mentres que no caso dos Centros Públicos Integrados, 68 dos 70 existentes están en ámbitos non urbanos. Segundo os seus cálculos, nesas zonas residen máis de 69.000 rapaces e rapazas de entre 15 e 19 anos, que é o sector de poboación afectado polos problemas de conectividade no ámbito educativo na Galiza.