As ANPAS galegas propoñen unha nova lei educativa “democrática e inclusiva”

Mobilización da plataforma galega en defensa do ensino público

A Confederación de Anpas inciden a través dun comunicado público na necesidade dun “cambio metodolóxico” que converta o alumnado nun axente activo da aprendizaxe

“Formar persoas autónomas, críticas, optimistas, responsábeis, con pensamento propio, que teñan soños e talentos diversos; todas elas necesarias para o futuro do noso país”. Así define a Confederación de Anpas galegas o obxectivo do sistema educativo. Por meio dun comunicado, a entidade apoia a proposta dunha nova lexislación que posibilite unha educación “pública, democrática, inclusiva e de calidade”.

 

No texto, a confederación centra a súa proposta nun cambio metodolóxico que permita ao alumnado ser un axente activo na súa aprendizaxe e non un simple receptor. “Unha educación obrigatoria que estea baseada no respecto e confianza nas crianzas, o respecto aos seus ritmos, procesos e necesidades de aprendizaxe”, explican no documento. Para isto, a organización sinala as administracións educativas como as principais responsábeis de compensar as inxustizas e desigualdades estruturais que afectan as estudantes.

 

Dita compensación está baseada en 17 principios que xiran arredor da universalidade e gratuidade da educación, a non mercantilización da mesma e a transmisión de valores democráticos, igualitarios e respectuosos co entorno e coas persoas. Alén disto, desde a Confederación tamén apuntan a necesidade de reforzar a participación nos centros educativos (tanto de nais e pais como de entidades sociais e políticas locais), a inclusión de novos perfís profesionais (educadoras sociais, traballadoras sanitarias…) e unha maior calidade dos servizos anexos (transporte, actividades complementarias, comedor…).

 

‘O máis normal é que sexamos diferentes’

 

Un punto chave da proposta é aquela que xira arredor da educación para a igualdade. As Anpas galegas insisten na necesidade dunha transformación dos actuais centros educativos para poderen ser “escolas inclusivas”. “A diversidade é un feito natural, é a normalidade; o máis normal é que sexamos diferentes”, afirman.

 

Para desartellar esta exclusión e a consecuente autoculpabilidade e autoodio das persoas excluídas, a Confederación sinala como percurso necesario a mellora na calidade e atención do alumnado con NEAE (Necesidades Específicas de Apoio Educativo). A inclusión destas persoas tamén pode ser vista como “unha oportunidade de aprendizaxe vital para todas as súas compañeiras, e unha auténtica ponte de nivelación para todo o alumnado”.

 

Por último, o documento tamén realiza propostas concretas para a normalización da atención á diversidade. “Defendemos a eliminación da utilización de recursos externos que só pretenden homoxeneizar o Ensino, como son os libros de texto. Deixando espazo para a elaboración e emprego de recursos didácticos diversos adaptados ao alumnado, que fomenten a participación e a aprendizaxe significativa, crítica e actual”, dita a proposta.