Xornada de formación

As Anpas galegas entregan os premios Rosalía e Werto en Carballo

A Confederación de Anpas Galegas participan este sábado na xornada de formación organizada pola Federación de Anpas da Costa da Morte, onde tamén se entregarán os premios Rosalía e Werto a favor e en contra, respectivamente, do ensino público.

Carballo acolle este sábado unha xornada de formación para as Anpas organizada pola Federación de Anpas da Costa da Morte. A Confederación de Anpas Galegas dará conta no acto de todo o traballo realizado neste curso para ofrecer unha diagnose actual da educación domiciliaria e hospitalaria na Galiza.

Nesta xornada, que contará coa presenza de toda a directiva da Confederación elixida o 5 de febreiro, entregarase o premio Rosalía ao ensino público, que este ano recae en Nieves Vilar, nai de Hadrián, pola súa loita en defensa da atención educativa domiciliaria para o estudantado con enfermidades de longa duración. O premio Werto en contra do ensino público recaeu no conselleiro de Educación, por “negar o problema e condenar á desatención educativa a todos os nenos e nenas galegas enfermas”.

Ademais, segundo expón a Confederación nun comunicado, na xornada deste sábado renderáselle unha homenaxe “a todos aqueles que se converten en heroes por defender os seus dereitos, nun momento no que até esa defensa ten que se facer desde a excepción e o compromiso”.