Anpas Galegas denuncia a "crecente desatención á diversidade" no ensino
A Confederación Anpas Galegas denunciou esta cuarta feira a "crecente desatención á diversidade" nos últimos cursos escolares, así como a "precarización" do persoal coidador, motivo polo que exixiu unha "reunión urxente" coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
"A carencia de profesorado especializado en pedagoxía terapéutica (PT) e audición e linguaxe (AL) vese agravada pola insuficiencia e precarización do persoal coidador.
Este persoal vese inxustamente obrigado a asumir parte da responsabilidade na atención do alumnado máis vulnerábel, sen contar coa formación nin o recoñecemento profesional adecuados", lamentou a confederación nun comunicado. Neste contexto, lamentou que hai un aumento nos casos do alumando que acode ao colexio diariamente "sen recibir as sesións de apoio educativo necesarias para o seu progreso na aprendizaxe, a consolidación de contidos básicos ou mesmo a comunicación coa súa contorna".
Deste modo, fixo fincapé en que o alumnado máis vulnerábel "está experimentado en primeira persoa" como o profesorado especialista ou os seus coidadores "non lles están sendo asignados adecuadamente".
Solucións
Por todo iso, solicitou unha reunión coa Dirección Xeral de Educación para tratar e analizar estas preocupacións e "buscar solucións que garantan unha educación inclusiva e de calidade para todo o alumnado".
Esta segunda feira, Anpas Galegas mostraba o seu apoio "ás mobilizacións das Anpas de centros de ensino público contra os recortes en educación " e criticaban " o desleixo total que está sufrindo a educación pública".
"Non se entende, nin nós o entendemos, que se obvie dun xeito tan escandaloso o dereito das nenas e nenos a un ensino de calidade e a un ensino inclusivo, porque non só estamos falando dese alumnado que precisa algún tipo de apoio, e uns especialistas determinados, estamos falando dunha sociedade que ten que ser inclusiva e que non se vai poder construír sen partir dunha estrutura educativa que aposte pola atención a todo o alumnado", indicaban naquel comunicado.