As ANPAS galegas cren que se pecha un ano “de desmantelamento”

Xuntanza de Anpas Galegas

“Pasamos o noso primeiro ano tentando conter a abafadora deriva de abandono e desmantelamento na que nos meteron os actuais administradores da educación; e algo conseguimos, mais non abonda, e imos continuar reclamando, pelexando e denunciando”, anuncia a confederación.  

 

Após o seu primeiro ano completo de vida, a confederación de ANPAS Galegas fai balance dun exercicio que consideran que “non merece tanta lembranza” xa que acusan á Xunta de Galiza de dedicalo ao “desmantelamento do ensino público”. 

"A tendencia do goberno galego é a de crear colexios de primeira, de segunda e de última", critican os pais e nais de alumnos

“Este ano perdemos profesores e financiamento; quedamos con menos especialistas para incluír á diversidade nas vidas de tod@s; comezamos un curso novo cunha lei nova que ninguén coñecía e para a que ninguén estaba preparado; pelexamos para non cambiar os libros de texto, para non nos ter que afogar mercando material inútil e innecesario; perdemos presenza na comunidade escolar, nós e todos, en beneficio dunha figura creada para ser un valido da administración antes que un director para a comunidade educativa; tivemos que ver cómo se discriminaba a colectivos completos na entrega de axudas para a adquisición de libros de texto; e como se repetía esa discriminación no que este goberno deu en chamar “educación dixital”, consolidando a súa propia tendencia: a de fabricar colexios de primeira, de segunda, e “de última”, afirma ANPAS Galegas nunha nota pública, na que envían os seus “desexos” de bo ano tanto ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, como ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. 

“Temos un goberno que non cre na educación pública; que equipara a xestión pública coa comercial utilizando criterios de custe e beneficio; que pensa que o gasto educativo non é prioritario, sendo que o é por dereito e por intelixencia investidora; que carece dun proxecto educativo organizado e dunha programación planificadora de futuro”, afirma a Confederación, que engade no seu balance de 2014 que: “Tentamos conter a abafadora deriva de abandono e desmantelamento na que nos meteron os actuais administradores da educación; e algo conseguimos, mais non abonda, e imos continuar reclamando, pelexando e denunciando”.