Anpas Galegas amosa a súa "preocupación" polo nomeamento do ex alcalde de Noia como xefe territorial de Educación

O ex alcalde e actual portavoz do PP en Noia, Santiago Freire. (Foto: César Arxina / Europa Press)

O colectivo de familias alertou da "falta de experiencia" de Santiago Freire no ámbito educativo.

Anpas Galegas expresou a súa "preocupación" polo nomeamento do ex alcalde popular de Noia Santiago Freire como xefe territorial de Educación na Coruña, e chamou a "reforzar a profesionalidade".

Nun comunicado de prensa, cuestionou a "idoneidade" do novo xefe territorial, "especialmente" nun contexto no que, segundo advertiu, "este tipo de cargos, tras os cambios introducidos en 2024, deixaron de ser ocupados por persoal funcionario e pasan a depender de designacións discrecionais".

Sobre Freire manifestou "dúbidas" pola súa "falta de traxectoria" no ámbito educativo e "posicionamentos públicos previos que non contribúen a xerar confianza" na comunidade educativa.

Neste senso, pediu que a Xunta reconsidere o nomeamento e que, "no caso de manterse este tipo de postos, se recupere o seu carácter funcionarial, garantindo así procesos baseados no mérito, a capacidade e a independencia".

“Vergoñento” nomeamento do novo director territorial de Educación na Coruña

A CIG-Ensino denunciou esta cuarta feira nunha mobilización nas dependencias da Consellaría de Educación na Coruña o nomeamento de Freire, apuntando esta decisión da Xunta da Galiza “non pode definir mellor o tratamento que lle está dando o Goberno do Partido Popular ao ensino galego: nomea para o cargo a unha persoa que non ten relación algunha co ensino, pero se iso non era suficiente. Aliás, a central sindical lembrou que  José Santiago Freire Abeijón “foi investigado polo Fiscalía do Tribunal de contas e o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, chegou a dicir que algún dos gastos investigados polo tribunal chamaban a atención”.

Neste senso, a CIG salientou que o novo director territorial é coñecido polas súa “apoloxía do franquismo e as súas declaracións contra as mulleres”. “Esa vai ser a persoa que dirixa o territorio que conta con máis profesorado, mais alumnado e máis centros educativos e a que xestione a suposta neutralidade ideolóxica que quere impor o PP, que en realidade é unha autocensura nos centros”, criticou a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo