A Xunta nomea director territorial de Educación o ex alcalde de Noia, tras ser investigado polo Tribunal de Contas en 2025
O Diario Oficial da Galiza publicou esta terza feira 12 de marzo o nomeamento de José Santiago Freire Abeijón como director territorial da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, pouca máis de tres meses despois de que a Fiscalía do Tribunal de Contas abrira unha investigación sobre a súa xestión como alcalde de Noia.
O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou este 12 de marzo unha nova orde pola que se nomea a José Santiago Freire Abeijón —ex alcalde do PP no Concello de Noia— como director territorial da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
O Decreto 245/2009, do 30 de abril, que regula as delegacións territoriais da Xunta da Galiza, estabelece que “os departamentos territoriais son os órganos de exercicio das competencias administrativas de cada unha das consellarías, co alcance que se lles atribúa na estrutura orgánica da consellaría e demais normativa aplicábel ou que se lles delegue, e estarán integrados por aqueles servizos ou áreas que sexan necesarios para unha maior eficacia da xestión administrativa”.
O cargo recaerá agora en Freire Abeijón, quen en decembro de 2025 foi obxecto dunha investigación por parte da Fiscalía do Tribunal de Contas por pagamentos e facturas do Concello de Noia correspondentes ao exercicio de 2019, durante a súa etapa como alcalde. A comezos de novembro, o Concello de Noia remitira á Fiscalía e ao propio Tribunal de Contas diversas facturas que o grupo municipal do PP cargara ás arcas municipais por consumicións en bares e restaurantes.
O actual rexedor, Francisco Pérez (PSdeG), dispoñía dun informe xurídico solicitado sobre estes gastos, que incluían facturas e tíckets cargados á asignación municipal anual entre 2019 e 2024. Entre eles figuraban consumicións en locais hostaleiros —nalgunhas ocasións con militantes e simpatizantes do partido— así como outros conceptos, como papeletas electorais, que o Goberno local considera alleos aos gastos de funcionamento dun grupo municipal.
O informe recollía tamén varios reparos emitidos polo departamento de Intervención. Entre eles, destacaban partidas como “gastos en comidas con simpatizantes ou asociados por importe de 999,99 euros que non se poden considerar gastos de funcionamento do grupo municipal”, “un cátering para 200 persoas que non responde á actividade dun grupo municipal” ou “gastos en hostalaría por importe de 4.538,25 euros que non poden considerarse gastos de funcionamento do grupo municipal”. Tamén se sinalaban outros importes, como 1.701,75 euros en comidas con simpatizantes ou asociados, que, segundo o informe, “non constitúen gastos do grupo municipal, senón do partido político”.
Ademais, a Fiscalía do Tribunal de Contas abrira tamén unha investigación sobre varias subvencións concedidas a dous clubs deportivos durante o seu mandato. Estes pagos, que superan os 130.000 euros, corresponderían igualmente ao exercicio de 2019.