ANPAs do Ribeiro coordínanse para facer fronte aos plans da Xunta de finiquitar o ensino no rural

Foto. ANPA O Carballo
Castrelo do MIño acolle unha xuntanza das ANPAs da comarca para trazar unha estratexia, a extender a todo Ourense, ante os plans da Xunta de modificación das unidades escolares no curso 2012-2013

O ataque da Xunta ao ensino público concretado, entre outros plans, na modificación e recortes das unidades escolares para o vindeiro curso, non vai quedar sen resposta. As mobilizacións e protestas que xa tiveron lugar en diferentes puntos do país están a pasar a unha nova fase, a coordinación e colaboración entre ANPAs para facer fronte ás pretensións da Consellería de Educación.

Así, o sábado 7 de xullo, celebrarase en Castrelo de Miño unha reunión das ANPAs de toda a comarca do Ribeiro para abordar actuacións conxuntas e actos colectivos a desenvolver de cara a deseñar unha estratexia común e máis forte aínda fronte á decisión da Consellería de Educación que provocará a supresión de 50 profesores nos centro de ensino público das zonas rurais da provincia de Ourense o vindeiro curso. 

O exemplo de Carballeda de Avia

A Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) O Carballo, do Colexio de Educación Primaria e Infantil (CEIP) Pena Corneira, de Carballeda de Avia (Ourense), finalizou o venres 6 o seu encerramento nas instalacións do centro de ensino pública. Toman esta decisión despois de cinco días nos que alumn@s, nais, pais e veciñ@s da localidade permaneceron pechados no colexio para protestar contra a decisión da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de modificar as unidades escolares no curso 2012-2013 e reducir á metade o cadro de profesores que actualmente imparten clase nese centro público.

Mais, sinalan desde a ANPA, este fin do peche non implica abandonar a loita, pois a ANPA O Carballo ponlle fin ó peche "precisamente para poder iniciar novas liñas de presión e centrarse en planificar novas mobilizacións e accións en conxunto con outras ANPAs da provincia de Ourense que fagan á Consellería de Educación recuar na súa decisión".

Concretamente no CEIP Pena Corneira, de Carballeda de Avia, onde hai matriculados 50 nenos en Infantil e Primaria, a Xunta reducirá 3 profesores dese Colexio, polo que no curso 2012-2013 os cativos serán educados por 4 mestres, en lugar de polos 7 actuais, reducindo á metade o cadro de mestres.