As Anpas demandan un sistema universal e gratuíto de préstamo de libros escolares

Imaxe: Anpas galegas

Rexeitan o modelo de Bancos de Libros creado pola Xunta porque non garante as necesidades de todo o alumnado. Lamentan as “constantes descualificacións” do conselleiro de Educación.


A Confederación de Anpas galegas saiu ao paso das declaracións do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e volveu esixir o retorno do modelo de préstamo universal e gratuíto de libros escolares. As asociacións recordan “nunca, en ningún momento, defendemos a creación de Bancos de Libros por parte da Xunta”.

As Anpas lamentan as “constantes descualificacións” do conselleiro, que criticou a falta de colaboración para implantar o sistema. “Se quere contar coa colaboración das familias galegas, o que ten que facer é propiciar a nosa participación respondendo ás nosas permanentes demandas de diálogo, antes de lanzar normas mal elaboradas”, aseguran as asociacións de nais e pais nun comunicado.

Consideran que o modelo da Xunta non dá cobertura as necesidades da totalidade dos alumnos e alumnas e, en especial, non garante que as familias máis desfavorecidas podan acceder aos libros. Por ese motivo, desde a Confederación de Anpas solicitaron que non se participe na organización de bancos de libros porque “tal e como foron deseñados, de forma unilateral” son competencia da Consellaría.

“Demandamos que a Xunta forneza de libros a todo ao alumnado do ensino público galego, sen consideracións sobre o seu nivel de renda”,

“O que demandamos é que a Xunta forneza de libros e material didáctico a todo ao alumnado do ensino público galego, sen consideracións sobre o seu nivel de renda”, apuntan nun comunicado. Por ese motivo, piden a volta do sistema de préstamo universal e gratuíto. Un modelo que “ademais do evidente aforro de diñeiro público, transmita aos nosos fillos e fillas os valores da reciclaxe, coidado para o grupo e a responsabilidade na xestión das cousas comúns”. 

Pediron tamén que o próximo curso escolar non se cambie ningún libro de texto perante a posíbel derrogación da última reforma educativa, a LOMCE, que todas as forzas políticas rexeitaron agás o PP. “É mellor ter un libro non adaptado un curso que arriscarnos a cambialo e ter a mesma situación os cinco cursos seguintes”, explican.