Anpas e CIG-Ensino reeditan as mobilizacións contra a "pandemia dos recortes"

Protesta dos sindicatos do ensino en Compostela en setembro de 2020 (Foto: Arxina).
O vindiero, 8 de setembro, véspera do inicio do curso escolar, convocan unha concentración diante da Consellaría de Educación para protestar contra "o desmantelamento progresivo do ensino público". "Menos ratio, máis docentes", exixen.

O sindicato CIG-Ensino e Anpas Galegas escenificarán o seu "descontento e indignación ante os drásticos recortes de persoal docente e o incremento de ratios que Educación está levando a cabo" o día antes de que comece o curso escolar.

As protestas veñen de lonxe, pero o enfado dos sindicatos mais das comunidades escolares aumentou conforme se foi achegando o regreso ás aulas, tras se confirmar o feche de varios espazos educativos e a perda de persoal docente.

A Administración galega "ignora a situación de pandemia que aínda vivimos", apunta o sindicato nun comunicado, polo que fai un chamamento ao profesorado e as familias para reaccionar ante o "desmantelamento progresivo do ensino público".

Menos ratio, máis docentes

Así, están convocados a se manifestar a vindeira cuarta feira, 8 de setembro, ás 11.30 horas ante a Consellaría de Educación, en San Caetano, baixo o lema 'Menos ratio, máis docentes. Contra a pandemia dos recortes'.

Segundo reivindican, o novo protocolo para o curso escolar inclúe unha redución da distancia nas aulas a partir de secundaria de 1,5 a 1,2 metros, en aplicación dos criterios acordados entre todas as comunidades e o Ministerio de Educación na conferencia sectorial.

Con todo, Anpas Galegas e CIG-Ensino advirten que estes criterios non son de aplicación "obrigada" e que a Consellería aínda podería manter as distancias nos mesmos termos do curso pasado, polo que atribúen esta decisión a unha potencial redución das partidas orzamentarias destinadas a este ámbito.

Contratacións

No caso de infantil e primaria, onde se manterán os grupos burbulla, consideran necesario "limitar ao máximo" a ratio alumno docente e conservar os desdobramentos autorizados o curso pasado e as contratacións de profesorado de apoio, en lugar de pechar aulas e reducir docentes.

En secundaria, a CIG lembra un estudo realizado o pasado mes de xullo coa participación de preto do 50 por cento dos centros galegos no que se constatou a intención de reducir os cadros de persoal, con polo menos 435 prazas afectadas respecto ao pasado ano.

Doutra banda, censuran a "falsidade" sobre as 1.250 contratacións do Plan Recupera, postos "a media xornada" e que se anuncian como efectivos para afrontar as contratacións necesarias.

Anpas Galegas e CIG instan a manter o número de docentes e chaman á comunidade educativa a reaccionar ante os criterios adoptados pola Xunta, secundando a protesta convocada para a sema próxima.