Ensino

As ANPA galegas, contra a prohibición total dos móbiles nos centros: "É un debate artificial"

As familias móstranse reticentes a prohibir os móbiles en todos os ámbitos dentro dos centros de ensino. (Foto: Nós Diario)
Rogelio Carballo, de Confapa, cre que se a medida sae adiante finalmente será "un fracaso colectivo, de todos", dentro da comunidade educativa.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades continuou esta terza feira coas asociacións de nais e pais (ANPA) a súa rolda de consultas para ampliar, previsibelmente despois das vacacións de Nadal, a restrición do uso dos teléfonos móbiles nos centros e que tampouco se poidan empregar en ámbitos como comedores, recreos ou excursións, entre outros.

Porén, as e os representantes das principais federacións de ANPAs galegas, consultadas pola axencia Europa Press, insisten en que non houbo acordo neste encontro, que decorreu en formato telemático, porque non lles gustan as prohibicións. Así, en contraposición cos directores dos colexios e institutos, cos que a Xunta se reunía esta segunda feira, os representantes das familias trasladaron á Consellaría que prefiren "incidir na formación" e considerar estes dispositivos "como unha ferramenta".

A presidenta da Confederación de Anpas Galegas, Isabel Calvete, saúda a intención da Administración de "dialogar" sobre esta cuestión e avoga por "buscar puntos de encontro". Con todo, defende que xa hai unha orde do Goberno galego do ano 2015 sobre este asunto e que, aínda que coinciden en avanzar sobre ela, non debe ser a golpe de prohibicións.

"Hai que considerar o móbil como unha ferramenta e que os alumnos teñan toda a formación necesaria para facer un bo uso, tanto académico como na vida cotiá", recalca, consciente de que son tecnoloxías ás que hai que "adaptarse". A responsábel de Anpas Galegas subliña que ás familias "lles preocupa, sobre todo, a falta de formación" sobre os beneficios e os perigos destes dispositivos. Aínda así, Calvete sinala que "toda a sociedade" ten "certa responsabilidade" neste debate e rexeita culpar tanto a administración como os colexios.

Pola súa parte, o presidente da Confederación Galega de ANPA de Centros Públicos (Confapa), Rogelio Carballo, cre que se a prohibición se aproba finalmente será "un fracaso colectivo, de todos", dentro da comunidade educativa. Considera que é "unha irresponsabilidade dar carta de natureza a criterios negacionistas" e a un "debate artificial" promovido por unhas familias a través dunha recollida de firmas online, sen "ningún criterio científico".

Carballo admite que cabe un "debate moi extenso e amplo", pero coincide coa responsábeis de Anpas Galegas en que prefiren "educar a prohibir". Así, asegura que o móbil "é un instrumento de dixitalización" e, ben empregado, "amplía competencias en todos os ámbitos". Por isto mesmo, e porque as familias "non teñen capacidade" para formar os menores na mesma medida que os colexios e institutos, aposta por que sexa o propio sistema educativo o que ensine "un uso responsábel, útil e produtivo" dos dispositivos.

Non en balde, o presidente de Confapa aproveitou para trasladar o malestar das ANPAs galegas co procedemento escollido pola Xunta, porque as consultas desta semana chegan "sobre un anuncio xa feito" a pasada quinta feira polo presidente galego, Alfonso Rueda.