A Anpa de Baamonde exixe ante o Parlamento evitar o feche do colexio

Concentración das familias do CEIP de Baamonde, esta terza feira, fronte ao Parlamento da Galiza (Foto: Nós Diario).
As familias afectadas polo anuncio do fechamento concentráronse esta terza feira no Hórreo, nun día no que o PSdeG presenta unha moción para "desbotar calquera posibilidade de desafectar o centro".

A Asociación de Nais e Pais do CEIP de Baamonde, no concello de Begonte, organizou nesta terza feira unha caravana de vehículos que se desprazou até a capital galega para solicitar, fronte ao Parlamento da Galiza, que as súas demandas sexan escoitadas e se evite o fechamento da escola anunciado polo alcalde, José Ulla (PP), o pasado mes de decembro.

O obxectivo desta manobra é destinar o espazo a un conservatorio de música e reagrupar o seu alumnado no centro educativo de Begonte. "Viñemos a Compostela porque semella que na nosa vila non se nos escoita, e estamos a protestar polo suposto fechamento do colexio de Baamonde, e digo suposto porque é un proxecto do alcalde de Begonte que aínda non está aprobado malia a insistencia en dicir que si. Nós loitaremos até o final", dixo a secretaria da Anpa, Paula Iglesias, en declaracións aos medios ás portas da Cámara galega.

Precisamente no interior do edificio, á hora da concentración, contra as 18.30 horas, a bancada socialista presentaba unha proposición non de lei para instar a Xunta a manter en funcionamento esta escola e "desbotar calquera posibilidade de desafectar o centro". Esta mesma mañá as e os deputados pronunciaranse cos seus votos a respecto desta moción.

Denegan a admisión de novos alumnos

A pasada semana, a Anpa remitiu unha misiva ao Servizo Territorial de Inspección Educativa de Lugo e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, denunciando que, "por motivos descoñecidos", lles foi denegada ás familias a posibilidade de presentar solicitudes de admisión no centro de cara ao curso 2021-22.

Este trámite, segundo a lexislación vixente, debe realizarse entre o 1 e o 22 de marzo. "Non é legal que o fagan, porque o colexio aínda non está fechado", censurou Iglesias.

As familias lamentaron que a Administración galega estea a botar "balóns fóra": "Non nos dán ningún tipo de certeza, enterámonos do que acontece pola prensa", expuxo a secretaria da Anpa, quen lamentou ter que acudir a Compostela para dar voz ás súas reivindicacións.

"Levamos con isto desde decembro, e é moi forte que estean os pais do colexio e de concellos da contorna dando apoio e que pareza que non se nos escoita", sentenciou.