Anova pide a Yolanda Díaz "explicacións públicas" sobre a detención dun traballador de EU por difundir pornografía infantil

Enléase o caso da detención dun traballador do grupo parlamentar de AGE vinculado presuntamente á tenza e difusión de pornografía infantil. Esta terza feira trascendeu que en 2009 militantes de EU de Ferrol xa denunciaran o uso dun computador da sede da organización para acceder a webs con contidos de pornografía infantil.

Anova, segundo recolle un teletipo de Europa Press, demanda a Yolanda Díaz, coordenadora de Esquerda Unida, "explicacións públicas" sobre este caso.

O traballador detido polo seu pretenso envolvimento en prácticas delictivas de difusión de pornografía infantil é un vello colaborador da dirixente de Esquerda Unida. Foi asesor seu durante o executivo bipartito co PSdeG-PSOE que gobernou no seu día o concello de Ferrol.

En 2009,  militantes de EU denunciaron o acceso desde un computador da organización a páxinas web de pornografía infantil. Yolanda Díaz deu traslado dos feitos á xustiza, que arquivou o asunto ao non achar probas.

Os militantes que apresentaron a denuncia foron expulsos da organización.

O asesor mantivo o vínculo con Yolanda Díaz e en 2012 incorporouse ao grupo parlamentar de AGE, con adscrición á coordenadora de Esquerda Unida.

Anova, segundo Europa Press, quer que Yolanda Díaz dea explicacións para esclarecer que, dado que a xustiza no seu día arquivara a denuncia, "non tiña por que saber que había risco de que reincidise".

AGE rescindiu cautelarmente o contrato do traballador. Esquerda Unida suspendeuno de militancia, á espera de que se coñezan con exactitude os cargos que eventualmente poderían pesar contra el. A organización que lidera na Galiza Yolanda Díaz -por boca do seu secretario de Organización, Rubén Pérez- manifesta que as explicacións "as dá a organización, non as persoas", segundo as declaracións recollidas por Europa Press.