Tres anos de suspensión a un profesor por agarrar un alumno polo pescozo e deixarlle "marcas visíbeis"

IES de Ortigueira. (Foto: Xunta)
O profesor asegurou ser albo de "burlas e insultos reiterados" por parte deste e outros alumnos.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) condenou un profesor que agarrou do pescozo un alumno en Ortigueira (comarca de Ortegal) a tres anos e un día de suspensión de funcións, así como a exclusión por igual tempo das listaxes existentes na Consellaría de Educación para a cobertura temporal, en cualidade de interino ou substituto, dos postos docentes.

Esta sentenza xudicial revoga o auto previo do 30 de decembro de 2021 do Xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Santiago de Compostela que impuña dez meses de suspensión. Esta resolución xudicial estimaba o recurso que presentara o profesor ante a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellaría contra a decisión adoptada por este departamento. A Xunta decidiu suspendelo tres anos e un día pola comisión dunha infracción moi grave, prevista no artigo 185.2.a de a Lei 2/2015, a cal se confirma agora pola sentenza do TSXG.

Segundo recolle o veredicto, o 2 de novembro de 2017 o profesor, funcionario interino que desempeñaba un posto de especialidade de tecnoloxía no IES de Ortigueira "agrediu" un alumno de 14 anos, "agarrándoo polo pescozo coa forza suficiente para deixar marcas visíbeis nel, á vez que lle gritaba en presenza de testemuñas". Foi precisa a presenza do director do centro para que o profesor cesase na súa acción, que ocorreu no recinto escolar, diante dos despachos da Dirección e en xornada escolar.

O alumno foi trasladado, xunto co profesor, pola xefa de estudos do centro para falar co director. Previamente, o 30 de outubro, o profesor comunicara á xefa de estudos a existencia de burlas e insultos "reiterados" cara a el por parte de alumnado do centro, ante o que a Dirección abriu unha investigación e decretou vixilancia nos cambios de clase e recreos.

Insultos e agresión

O 2 de novembro, cando estaba en exercicio das súas funcións, o profesor "escoitou no patio do centro insultos e burlas dirixidos á súa persoa durante o primeiro recreo" e chamárono "Bárbara", momento en que o inculpado fixo responsábel diso o alumno agredido, posto que foi o único que identificou, e púxolle un parte de conduta, á vez que requiriu a presenza do xefe de estudos.

O director, "persoa de considerábel altura e corpulencia", tivo que intervir para que o docente soltase o alumno

Na sentenza, recóllese que, durante o percorrido, o alumno "ía protestando" mentres a xefa de estudos ordenaba que "calase" e, chegados ao espazo situado á entrada dos despachos da dirección e fronte á entrada a sala do profesorado, a xefa de estudos deixou un momento a profesor e alumno para reclamar a presenza do director, "que se achaba sentado fronte a un computador próximo á porta, instante en que houbo un curto intercambio de palabras entre alumno e profesor, cuxo contido non chegou a determinarse, tras o cal o profesor, subitamente e sen mediar xesto algún de ameaza por parte do alumno, agarrouno polo pescozo coa forza suficiente para deixar marcas visíbeis, á vez que lle gritaba en presenza de testemuñas".

Foi necesaria a intervención do director, "persoa de considerábel altura e corpulencia", quen tivo que recorrer á forza física para que o profesor sancionado cesase na súa acción. Após ser separados, o alumno, en "evidente estado de nerviosismo", proferiu un insulto ao profesor e saíu correndo do lugar, mentres que tamén nese mesmo estado o profesor saíu dando unha patada á porta. As marcas do alumno desapareceron de maneira natural sen precisar asistencia médica.

Con posterioridade, houbo un acto de conciliación no centro docente o día 10 de novembro de 2017. Nese acto, o alumno pediu desculpas e recoñeceu que insultou o profesor noutras ocasións nos corredores do centro e que se ía rindo o 2 de novembro, cando acompañaba o sancionado e á xefa de estudos cara aos despachos de dirección. Pola súa parte, o profesor pediu desculpas ao alumno e a súa nai pola súa acción.