Os anos nos que, contra vento e maré, se forxou o sindicalismo galego

A Fundación Moncho Reboiras inaugura en Ferrol unha mostra sobre a xénese, desenvolvemento e consolidación do sindicalismo nacionalista: 'O Sindicalismo Galego na Transición (1972/1977)'.

Era 1972 e, embora a represión, o asfixiante control e a violencia da ditadura franquista, agromaban xermes como o da Fronte Obreira da UPG ou, no campo estudantil, ERGA. Cinco anos despois, 1977, no estado asínábanse os pactos da Moncloa e en Galiza creábase a ING (Intersindical Nacional Galega), unha ferramenta sen a que non se pode explicar a clase traballadora galega. 1972 e 1977 son os anos nos que se centra a mostra 'O sindicalismo galego na transición', título da exposición que a Fundación Mocho Reboiras, en colaboración coa Deputación da Coruña, vén de inaugurar na Facultade de Humanidades de Ferrol. Trece paneis e proxección permanente de vídeo a través dos que adentrármonos na xénese, desenvolvemento e consolidación do sindicalismo nacionalista no contexto de pulo do movemento obreiro galego nos últimos anos do franquismo e na transición.

Na inauguración contou coa intervención do Secretario Xeral da CIG e Presidente da Fundación Moncho Reboiras, Xesús Seixo, a Vicepresidenta e Deputada de Normalización Lingüística e Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o Decano da Facultade de Humanidades e Documentación da UdC, José Luis Tasset, e o Profesor, Doutor en Historia e director científico do proxecto, Uxío-Breogán Diéguez.

Xesús Seixo subliñou a importancia de mostras como estas, que axudan a divulgar feitos relevantes da nosa historia. "É moi importante que a xente nova sexa consciente de que todo o que hai no presente e como camiñamos cara ao futuro está relacionado co noso pasado e, polo tanto, coa nosa historia". Lembrou que foi precisamente na etapa na que se centra a exposición cando se iniciaron as loitas e mobilizacións que permitirían conquistar dereitos e liberdades, actualmente na picota polas “políticas neoliberais que se están a aplicar". 

"Foi un período convulso, unha época determinante para recuperar dereitos e liberdades que non tiñamos e que posibilitou sentar as bases para crear organizacións no país que visibilizaran a problemática específica da clase traballadora galega e a nosa problemática como nación", aseverou o secretario xeral da CIG. Unha experiencia, dixo, da que tirar que "non chega con mudar certo tipo de réximes políticos, hai que camiñar cara modelos de organizacións social e económica que garantan os nosos dereitos".

A Vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, puxo en valor iniciativas como a da Fundación  Moncho Reboiras, que recuperan “a nosa propia historia” e, de maneira especial, a memoria do movemento obreiro galego. Destacou tamén o feito de que esta mostra se expoña nun ámbito como o da universidade, que permite trasladar á mocidade "uns acontecementos dos que moitas veces vive á marxe".