En tres anos o carbón pasou de achegar até 40% da produción eléctrica galega a tan só 1,5%

A central térmica de Meirana, en Cerceda, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Servizo Ilustrado / Europa Press) #cerceda #meirama #aspontes #térmicas #endesa #carbón #europa

Afíramo a Plataforma 'Galiza, un Futuro sen Carbón', que fai tres anos de mobilización contra a queima do carbón e xa albisca a fin definitiva da mesma en 2022

Nos tres anos transcorridos desde a presentación pública da plataforma "Galiza, un futuro sen carbón", o 1 de decembro de 2018, o carbón pasou de ser unha das principais fontes de electricidade da nosa terra a ter un papel marxinal e os días contados.

Afírmao a propia plataforma nun comunicado esta cuarta feira, sinalando que “é un avance moi importante no necesario e urxente abandono dos combustíbeis fósiles, que seguen a supor a maior parte do consumo de enerxía en Galiza, tanto primaria como final”.

A práctica desaparición do carbón do "mix enerxético" galego, explica, que será definitiva en 2022, “provocou un recorte sen precedentes das emisións galegas de gases de efecto invernadoiro (GEI) causantes da crise climática” 

Entre 2018 e 2019 (ano con datos oficiais máis recentes), afirma,as emisións totais de Galiza baixaron de 29,7 a 22,4 millóns de toneladas. “Foi un descenso de 7,3 millóns atribuíbel á redución das emisións de CO2 (o principal GEI) das centrais de carbón, que caeron de 10,1 millóns en 2018 a 2,5 en 2019.”

“Nos últimos tres anos verificouse o que sinalabamos no noso manifesto fundacional: "Non hai ningunha outra medida singular que hoxe permita diminuír, de xeito tan rápido e importante, as emisións de gases de efecto invernadoiro na nosa terra". 

Así, sinalan, “grazas ao colapso do carbón na produción eléctrica”, as emisións de GEI de Galiza reducíronse 24% entre 1990 e 2019. “Na presente década, crucial para evitar unha catástrofe climática global, deberían diminuír polo menos até un 65%. Un obxectivo moi superior ao das políticas enerxéticas e climáticas galega e española, que non están en liña co Acordo de París”. 

Din que para atinxir unha redución de cando menos 65% das emisións de GEI antes de 2030, “cómpre  unha forte diminución no consumo de petróleo e gas fósil, que está está a substituír parcialmente o carbón na xeración eléctrica no noso país”.

Isto reflítese, engaden, no importante aumento da actividade das centrais de ciclo combinado de gas fósil das Pontes (Endesa) e Sabón (Naturgy) e da regasificadora de Mugardos (Reganosa) que as abastece.

“En só tres anos, o carbón pasou de achegar 30-40% da produción eléctrica galega a tan só 1,5% no que levamos de 2021. A recente reactivación dun dos catro grupos da central de carbón das Pontes non supón unha marcha atrás na decisión de Endesa de pechala en 2022 e ademais subministrará unha cantidade moi limitada de electricidade”.