Día Mundial da Saúde Mental

Un ano de espera para unha cita de saúde mental no Sergas

A Galiza ten unha ratio de 5 psicólogos por cada 100.000 habitantes, moi inferior á media estatal. (Foto: Nós Diario).

Galiza sitúase por baixo da media estatal e comunitaria en número de prazas de psicólogas e psicólogos clínicos, e esa falta de profesionais aumenta os tempos de agarda para doentes.

Os tempos de espera para conseguir unha cita de psicoloxía clínica nalgunha das áreas sanitarias chegan a un ano. Segundo os datos fornecidos onte polo Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza (COPG), con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, que se conmemora esta terza feira, o período de agarda entre a poboación adulta da área sanitaria de Compostela é de un ano, situándose en cinco meses para a poboación infantil e xuvenil.

As cifras de Compostela repítense noutras demarcacións do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Así, o tempo máximo de espera para a poboación adulta nas áreas sanitarias de Lugo, Pontevedra e Vigo é, tamén, de un ano, ficando en sete meses en Ourense e en dous meses en Ferrol. Pola súa parte, para o público infantil e xuvenil as esperas máis elevadas danse en Vigo.

O COPG sinala que “o período entre consultas é excesivo, sendo o máis habitual entre tres e cinco meses, chegando a nove nalgún servizo, polo que o máis habitual é que moitos e moitas pacientes non poidan ser atendidos nin sequera tres veces nun ano”. Nesta dirección, apunta que “isto implica que é moi difícil poder realizar un tratamento psicolóxico que sexa eficaz, o que favorece a cronificación e mesmo o agravamento dos trastornos mentais”.

A entidade colexial de representación das psicólogas e psicólogos galegos considera que “máis grave é o caso da poboación infanto-xuvenil polo impacto que teñen os trastornos mentais nesta etapa evolutiva e as necesidades específicas destas idade. Compróbase que a asistencia é heteroxénea segundo as áreas sanitarias, con primeiras consultas en catro ou seis meses e consultas de seguimento cunha periodicidade moi superior á adecuada”.

Déficit de profesionais

A causa destes tempos de agarda está ligada ao escaso número de profesionais na sanidade pública. O Sergas dispón para o conxunto da Galiza de 141 prazas de Psicoloxía Clínica, o que significa 5,2 profesionais por cada 100.000 habitantes. Neste caso, as peores cifras rexístraas a área sanitaria de Pontevedra, con 12 especialistas e unha ratio de 3,98 profesionais por cada 100.000 habitantes.

Galiza sitúase por baixo da media estatal e comunitaria en número de prazas de psicólogas e psicólogos clínicos. Neste sentido, a ratio para o Estado español é de 5,9 profesionais por cada 100.000 habitantes e no conxunto da Unión Europea ascende a 18 por cada 100.000 habitantes. As organizacións profesionais entenden que a porcentaxe mínima precisa para ofertar a prestación con garantía é de 12 psicólogos clínicos por cada 100.000 habitantes.

Calidade asistencial

A ausencia de profesionais déixase notar na calidade asistencial. A este respecto, o psicólogo clínico e membro do Movemento Galego da Saúde Mental José Berdullas explica a Nós Diario que “a secuencia das terapias é de tres meses, unha autentica vergoña que provoca que os doentes non poidan ser ben atendidos e xera unha gran frustración nos profesionais porque sabemos que nesas condicións non podemos atender ben a xente que vén facer un tratamento”. Nesta perspectiva, considera que “o dereito a recibir un tratamento psicolóxico axeitado na sanidade pública non é real”.