Aniversario do naufraxio

Un ano do afundimento do 'Vila de Pitanxo': as familias insisten en coñecer "toda a verdade"

Pesqueiro na zona do naufraxio do 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Forzas Armadas do Canadá)
O Concello de Marín descubrirá unha placa en homenaxe aos 21 falecidos o próximo 17 de febreiro.

Familiares das 21 vítimas do pesqueiro galego 'Vila de Pitanxo', que naufragou en febreiro de 2022 a 450 quilómetros de Terranova (Canadá), insisten na importancia de coñecer "toda a verdade" do suceso cando se vai facer un ano da traxedia, o próximo día 15.

Após doce meses de reivindicacións e loita, a principios deste mes o Goberno iniciou a licitación para baixar ao pecio e inspeccionar a zona co obxectivo de atopar probas sobre o que puido pasar na madrugada na que o barco se afundiu, acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros que traballaban a bordo.

Neste sentido, a portavoz das familias, María José de Pazo, celebrou a decisión, a pesar de que, ao seu xuízo, o Executivo xa podería baixar ao buque o verán pasado, como solicitaron as familias en reiteradas ocasións. Agora, espera que "se cumpran os prazos" e se coñeza canto antes que empresa levará a cabo a acción e cando se acometerá.

No camiño da verdade

A pesar deste anuncio, De Pazo recoñeceu que "aínda queda moito" para coñecer que ocorreu realmente o día da desgraza, se ben, salientou que sentes meses se conseguiuse que o caso tivese un xuíz instrutor (Ismael Moreno, da Audiencia Nacional) e agora se vaia baixar ao pecio.

"Estamos no camiño de coñecer a verdade. Deuse algún pasiño xa. As familias solicitamos desde o principio baixar ao pecio. Agora sábese que a nosa petición era totalmente plausíbel", reivindicou, a pesar de que nun primeiro momento o Executivo central rexeitou baixar ao barco se non o solicitaba a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim), que investiga o ocorrido.

Primeiro aniversario

Todo iso cando se fai un ano da traxedia, un momento "duro" para as familias, xa que lembran todo o ocorrido o 15 de febreiro de 2022 e a posterior confirmación do número de falecidos e as súas identidades.

Familiares, amigos e coñecidos decidiron non levar a cabo ningún acto o propio día. Con todo, o día 17 si se desenvolverá unha homenaxe na localidade pontevedresa de Marín, porto base do 'Vila de Pitanxo'.

Alí, sobre as 17 horas, descubrirase unha placa en honra dos 21 falecidos no naufraxio e terá lugar un funeral na igrexa de Santa María do Porto.

Investigación

Após o naufraxio do pesqueiro galego en febreiro do ano pasado, iniciouse unha causa xudicial para pescudar que sucedeu realmente aquela madrugada, cando perderon a vida 21 persoas.

Ocorreu despois de que un dos sobreviventes, Samuel Kwesi, ofrecese unha versión que contradí a exposta polo capitán do barco e o seu sobriño (os outros dous sobreviventes), Juan Padín e Eduardo Rial, respectivamente.

Ademais, mariñeiros do Playa de Menduiña Dous, o barco que rescatou aos sobreviventes do Pitanxo e parte dos falecidos, aseguraron na súa declaración ante o xuíz que o patrón cambiou a súa versión inicial sobre o accidente.

Nun primeiro momento, Padín explicaría que o barco embarrara (enganchando as redes no fondo do mar), o que provocou un escore do buque e, nesa manobra comezaría a entrar auga, provocando a parada do motor. Mesma versión que dá Kwesi, o cal asegurou que recibiu presións para modificar as súas palabras.

O capitán variaría posteriormente as súas verbas, indicando que o motor do buque parou sen motivo aparente, quedando á deriva, provocando a entrada de auga e o afundimento.

Por todo isto, a Audiencia Nacional decidiu prohibir a saída de España a Padín, que está a ser investigado ao se apreciar indicios de 21 homicidios por imprudencia.

A investigación continúa aberta, á espera de que a Ciaim presente o seu informe ou un avance do mesmo. As familias das vítimas insistiron desde o primeiro momento na importancia de buscar a verdade e esclarecer o ocorrido, para que este naufraxio sirva de exemplo a toda a comunidade mariñeira e poidan confiar nas administracións se nalgún momento vense implicados nun caso similar.