"Animamos as crianzas para que escriban sobre cousas que relacionen co confinamento

As crianzas nomean, definen e debuxan as realidades e emocións que as acompañan durante o feche. (Espazo Alicerces)
Desde Alicerces convidan a participar no 'Dicionario da infancia confinada'.

Levamos máis dun mes de confinamento e, sen dúbida, unhas das máis afectadas por este feche están a ser as crianzas. Cómpre poñer palabras a esta situación que lembraremos para sempre e desde Espazo Alicerce son moi conscientes desa necesidade. Por iso, convidan a todas as nenas e nenos a crear un Dicionario da infancia confinada, un espazo común onde se artellan definións, emocións e debuxos desde a óptica das máis pequenas da casa. Conversamos con Diego Lores, membro de Alicerces, para saber máis deste proxecto.  

Como decidiron botar  a andar este dicionario?

Esta semana, xente amiga dun colectivo que se chama Carabancheleando fixo unha proposta titulada Dicionario das periferias confinadas, un proxecto que nós tomamos como referencia para facer o propio aquí na Galiza. A proposta de Carabancheleando está dirixida a todas as idades e con ela procuran crear un dicionario visual, con palabras ou conceptos que estean moi presentes estes días, acompañados dunha imaxe, dun debuxo, dunha fotografía... coa finalidade de dar voz ás realidades que estamos vivindo desde os barrios, as marxes, desde as periferias... A nós esa idea sempre nos gustou e, de feito, estivemos con eles por aquí nalgunha formación. Retrucamos con dous cambios co gallo de facer unha proposta en galego e destinada unicamente ás crianzas.

Por que as crianzas?

Nestes días estase a falar moito sobre se as nenas e os nenos deben saír ou non á rúa, sobre o papel que desenvolveu o Goberno nas medidas que fixou coas crianzas. Nós sabemos, porque temos nenas e nenos na casa, que esta é unha situación moi excepcional, parte da rapazada vívea mellor e outra parte peor, mais que é algo que vai lembrar ao longo da súa vida e na que hai moitas mudanzas. 

Que deben facer as crianzas para participar nel?

Animamos a que as crianzas escriban sobre cousas, situacións, palabras... que elas relacionen con estes días de confinamento, acompañando ben cun debuxo ben cunha imaxe que realicen elas para recoller esa parte máis subxectiva, que seguramente garda moitas coincidencias, moitos sentimentos comúns, sobre como as nenas e nenos están a vivir este tempo de feche. Para poder participar é moi sinxelo, en realidade, demos un prazo até o 27 de abril que, segundo parece, é o día que van poder saír á rúa. A rapazada debe escoller unha palabra dalgunha realidade que estea a vivir nestes días, que, por exemplo, poderían ser "aplausos", "máscaras", "balcón", "biscoitos"... cousas que sabemos que estamos a facer as familias coas crianzas e desenvolver unha pequena definición do que supón para esa criatura esa tarefa. Logo facemos unha chamada para que acompañen esa definición cun debuxo ou cunha imaxe e que nola manden ao correo alicercesrs@ gmail.com ou por Whatsapp e/ou Telegram ao teléfono 696618732. A idea é que, unha vez recollidas estas definicións, se vertan na web que temos. Se no futuro temos unha conxunto amplo de palabras e conceptos queremos facer algo máis estruturado, como unha publicación que ben podería ser en papel ou ben en formato dixital para crear algunha dinámica a posteriori.

Que motivou a creación  de Espazo Alicerces? 

Interesounos pensar colectivamente sobre a realidade do barrio de Coia (Vigo). Fixemos diferentes faladoiros, tamén roteiros pola nosa contorna para coñecernos e, en común, facer memoria e compartir vivencias de situacións que vivimos aquí decotío. Como asociación estamos rexistradas desde hai uns catro anos, mais xa viñamos traballando desde o barrio de forma máis informal. Estamos moi inspiradas polo traballo que se fai desde o Instituto Alexandre Bóveda, do roteiro por Coia. Tamén foi moi importante para a nós a publicación que fixo hai uns anos Eduardo Rodríguez Saiz, membro de Alicerce, As lembranzas soterradas: unha lectura arqueolóxica da Coia histórica. Desde a asociación decatámonos de que Coia existía moito antes das torres e o cemento, unha parroquia que levaba séculos funcionando, con moita vida, e moita dela truncada con violencia antes de que nós chegaramos.