Os animalistas reprochan Xácome o uso de dromedarios na cabalgata de Ourense

Os magos sobre os dromedarios no desfile desta cuarta feira en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A Fundación Franz Weber foi moi crítica coa utilización dos animais na cabalgada pois se contribuíu a “cousificalos”. Porén, o alcalde, Gonzalo Pérez Xácome presumiu de estar a celebrar o “mellor Nadal da historia” da cidade.

O colectivo animalista Fundación Franz Weber vén de censurar a decisión do Concello de Ourense de incorporar dromedarios á cabalgata de Reis que decorreu na tarde desta cuarta feira, 5 de xaneiro, na cidade. Mais, ante as críticas o alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, destacou o éxito das actividades deste nadal.

Os animalistas lamentaron o uso dos animais no desfile ao entender que a súa utilización "transmite ás crianzas unha imaxe completamente irreal do comportamento natural e as necesidades dos dromedarios, contribuíndo a cousificar estes animais".

De feito, a fundación afirmou que o Goberno local "ignorou as queixas cidadás e de colectivos" que xa pediran con anterioridade que non se contratara este servizo.

Así, advertiu de que estas prácticas teñen consecuencias negativas como someter aos animais a "estrés innecesario" só por entretemento da xente.

"Sufrimento físico e emocional"

O colectivo lembrou que xa no ano 2016 a Asociación de Veterinarios Abolicionistas da Tauromaquia e dos Malos tratos Animais (Avatma) dera a coñecer un estudo no que quedaba de manifesto o "sufrimento físico e emocional" que poden chegar a padecer os animais en actos como o deste 5 de xaneiro.

Mais o rexedor, Gonzalo Pérez Xácome, non fixo caso ás críticas porque os dromedarios "agradaron" ás crianzas, que ao ver os animais como un maior realismo "dicían que a Ourense chegaran os Reis de verdade".

Nesa loita etérea por ter as mellores festas nesta época do ano, o alcalde subliñou esta quinta feira que "a pesar de estar inmersos nunha pandemia global", o municipio tivo "o mellor nadal da historia".