Animalistas piden "transparencia" nos casos de animais falecidos en VigoZoo

A pantera 'Kabul' tivo que ser sacrificada. (Foto: Vigozoo)
ZooXXI pide que se investiguen os feitos para depurar calquera responsabilidade de carácter administrativo, político ou mesmo penal.

A plataforma ZooXXI, impulsada pola Fundación Franz Weber, avanzou esta cuarta feira unha solicitude de información ao Concello de Vigo co obxectivo de coñecer que plan ou documento está a empregarse para a reconversión de VigoZoo como centro de lecer, así como o persoal experto que avala ese programa.

Neste sentido, solicitan a "máxima transparencia" após as informacións que apuntan ao posible envelenamento no interior do recinto da Madroa dalgúns animais, que apareceron sen vida.

Así, pediron que se investiguen os feitos para depurar calquera responsabilidade de carácter administrativo, político ou mesmo penal, se fose o caso.

ZooXXI considera grave o feito de que desde o goberno local non se informe "de forma transparente" sobre as baixas no parque e instou a explicar as causas.

"Estes incidentes evidencian como os zoos, supostos garantes da conservación, non teñen instalacións adecuadas para protexer os animais de eventos meteorolóxicos extremos, que cada vez serán máis frecuentes", reivindicou.

Sucesión de mortes no zoo de Vigo

Até unha ducia de animais residentes nas instalacións do VigoZoo perderon a vida “en estrañas condicións” nas últimas semanas sen que os responsábeis do recinto municipal desen explicacións ao respecto.

Os partidos políticos con representación no Pleno local pediron a comparecencia do alcalde, Abel Caballero, e da concelleira delegada Nuria Rodríguez para que aclaren as condicións e os motivos polos que sucederon estas mortes.

Entre elas, un lémur que morreu de frío ao non poder soportar as extremas temperaturas nocturnas do exterior; o último tigre siberiano da Madroa, que faleceu afogado no seu propio foso; ou a pantera ‘Kabul’, que tivo que ser sacrificada após empeorar o seu estado de saúde.

Fontes dos servizos de Patrimonio Natural da Xunta da Galiza atribúen algunhas das mortes a un posíbel envelenamento por mata-ratas. Non obstante, o Goberno local aínda non seu explicacións a o respecto.