Os animais queren viaxar en autobús

Un can viaxa en autobús (Dogs on the bus).
A asociación animalista Libera pide que se regule o acceso con animais ao transporte público galego.

A asociación animalista Libera propón modificar a actual Lei de Benestar Animal, que "só" regula o acceso con animais a estabelecementos de restauración, para que tamén permita a entrada ao transporte público.

A iniciativa chega após unha enquisa realizada o pasado mes de outubro pola asociación, na que un 76% das 1.200 persoas da Galiza preguntadas está a favor de que os animais de compañía poidan subir canda os seus donos ao tren ou ao autobús.

Ningunha cidade galega permite até o momento acceder ao transporte público con animais de compañía.

Desde Libera sinalan que "ningunha cidade galega o permite até o momento" e alentan unha modificación que "equipararía Galiza con outras cidades europeas como Londres ou Berlín, que xa contan cunha regulación neste sentido".

Medidas especiais

A experiencia das cidades que desde hai anos legalizaron a presenza de animais no trasnporte público apunta necesidade de estabelecer unhas normas que garantan os dereitos das usuarias e tamén dos animais durante as viaxes en cada un dos medios de transporte.

Entre outros aspectos, regulan os horarios en que poden acceder os animais e os requisitos mínimos de seguridade que deben cumprir no interior: estar identificados, viaxar en gaiola ou en transporte especial se o seu tamaño o permite ou con buceira e correa no caso dos cans.

600.000 cans identificados na Galiza

A asociación destaca que a presenza de animais entre os galegos e as galegas é "evidente" con "máis de 600.000 cans identificados con microchip". Por iso, instan aos organismos públicos a "responder a esta realidade social", e apuntan que a entrada con animais no transporte público pode ser motivo de "cohesión veciñal".