Angrois: nove meses do máis insensíbel pacto PP-PSOE

Accidente de Angrois.

O pasado xoves cumpríronse nove meses dunha traxedia ferroviaria que lle custou a vida a 79 persoas e na que a investigación xudicial cada vez apunta con máis forza ao que xa parecía evidente ás poucas horas do sinistro: a existencia dunha responsabilidade política que atinxe aos dous referentes bipartidistas do modelo actual.

Se a curva de Angrois estivese dotada das mesmas medidas de seguridade doutros tramos ferroviarios de parecidas características, é case seguro que hai nove meses ningún tren tería sido tráxica noticia en Compostela, con 79 vidas perdidas e decenas de ferid@s. Así de crú resultan as evidencias que rodean ao accidente do Alvia do pasado 24 de xullo, do que se veñen de cumprir nove meses sen que en todo este tempo, e a pesar de que os indicios crecen, ningunha das autoridades responsábeis da infraestrutura decidisen asumir responsabilidades ou, como mínimo, emprender unha investigación política sobre o acontecido, que se dirime nos tribunais. E non é así non porque a oposición -o BNG en tres ocasións no Parlamento galego- non o pida, senón porque os graves erros na infraestrutura competen a un goberno do PSOE e a outro do PP, e estes manteñen para coidarse reciprocamente un evidente pacto, considerado xa unha das caras máis insensíbeis dun bipartidismo en caída libre pero que aínda acumula moito poder, neste asunto case cruel.

 

Feijóo patentou o chamado 'Espírito de Angrois' en referencia a esa veciñanza que non dubidou en axudar ás persoas afectadas. Porén, esa alta decencia non atopa correspondencia na actividade política. O presidente da Xunta evita o tema, e como líder do PP galego veta que se investigue no Parlamento. Como moito, en clave de mensaxe máis ou menos cifrada, lanza recados ao PSOE, a outra pata do amaño, para que non se mova do acordo tácito.

 

De campaña electoral na procura dun retiro -ou unha ponte de regreso- dourada en Bruxelas, o ex ministro galego de Fomento, o socialista José Blanco, percorre Galiza con actos nos que tamén se fai patente a súa incomodidade, que mesmo lle provocou un incidente coa prensa en Ourense, que decidiu plantalo após ser convocada ao negarse a facer declaracións. Presume de suposto AVE o ex-número dous de Zapatero e foxe de toda autocrítica. Porén, os informes comezan ser demoledores.

 

O enxeñeiro de telecomunicacións designado como perito xudicial polo Xulgado de Instrución número 3 de Compostela afirma que “de terse despregado a infraestrutura ERTMS de vía necesaria para poder operar baixo a supervisión completa do ETCS nivel 1 até a mesma estación de Santiago, tal e como estaba previsto no proxecto orixinal, e operando deste modo, o accidente non se produciría”. Así de contundente. “Supón un risco para a seguridade da circulación moi difícil de asumir o feito de que poidan existir traxectos de alta velocidade onde se produzan variacións significativas de velocidade, como é o caso, de 220 quilómetros por hora a 80 quilómetros por hora, sen contar nese punto coa supervisión dun sistema de protección automático”, engade César Mariñas no seu ditame, de 55 folios.

 

Nin o PSOE nin logo o PP protexeron aos usuarios da liña co nivel axeitado de seguridade, ao que parece que renunciaron para aforrar custes, cos dramáticos resultados coñecidos. Após este informa, todo apunta a que axiña serán imputados responsábeis de ADIF. Seguirán as forzas bipartidistas botando balóns fóra se iso ocorre? Non se albiscan indicios do contrario.

 

Tres meses despois do accidente, ADIF puxo en funcionamento nesa liña Ourense-Santiago un sistema de freado automático, semellante pero que tampouco é aínda o ERTMS. Namentres, o BNG, e tamén AGE, insisten en que se investiguen os pasos políticos que influíron na traxedia. E as vítimas protestan. Xa se manifestaron ante un acto político de José Blanco. En contra da fama que se lles atribúe, as forzas políticas alleas ao bipartidismo apoian a súa reivindicación pero non respectan totalmente os ritmos d@s afectad@s. No entanto, todo indica que a polémica arredor de Angrois non se deterá, senón que irá a máis. A ver canto dura o pacto PP-PSOE. Se cadra, a súa intención de non moverse do silencio pode acabar sendo inviábel.