Ángel Miramontes, doutor en Xeografía e investigador

Ángel Miramontes: "O territorio explica moi ben a evolución e o comportamento do virus"

O profesor e investigador da USC Ángel Miramontes. (Foto: Santi Alvite)
Un equipo multidisciplinar coordinado desde o Instituto de estudos e desenvolvemento da Galiza (Idega) por Ángel Miramontes, doutor en Xeografía e profesor da Universidade de Santiago de Compostela traballa na elaboración dos mapas de risco da Covid-19 tanto nas áreas urbanas como no rural da Galiza.

De que forma contribúe unha cartografía do risco da Covid-19  a paliar os efectos da pandemia na Galiza?
Cando durante o estado de alarma a Axencia Galega de Innovación da Xunta sacou unha liña de axudas para loitar contra o coronavirus, desde o Grupo de Investigación de análise territorial do Idega presentamos unha proposta para estudar o comportamento territorial da Covid-19.
Nese momento, tivemos en conta o que estaba a acontecer noutras partes do mundo e a experiencia de colegas xeógrafos que observaban un comportamento dispar do virus, en función das características territoriais. Foi o que nos levou a analizar a propagación da enfermidade na Galiza, dunha banda para dispor dunha radiografía exacta dos cambios que se ían producindo, e doutra para emitir informes periódicos que axudasen as autoridades responsábeis a tomar decisións.

Como se comportou o virus  no territorio galego?
É imposíbel xeneralizar. Estamos ante un proxecto cunha gran potencialidade ao contemplar diferentes escalas. O que facemos é analizar o territorio en todas as súas dimensións. Estudamos a Galiza en conxunto, cada parte do territorio, as áreas sanitarias, os concellos, as cidades, as cabeceiras comarcais, distintos ámbitos rurais. O comportamento varía. Depende da escala que esteamos analizando, do ámbito territorial e das variábeis que entren en xogo.

Que factores territoriais tiveron en conta para elaborar os mapas de risco da Covid-19 e analizar a expansión do virus?
As variábeis que inflúen en cada ámbito territorial son diferentes. Non son as mesmas as que actúan a escala de toda Galiza que as que interveñen en Burela ou en Vigo. Con todo, sempre consideramos a densidade de poboación, a mobilidade, a localización dos hospitais, dos centros de saúde; no ámbito urbano as liñas de bus, a situación dos polígonos industriais no extrarradio das cidades. Empregamos moitos indicadores, de feito, neste tempo fomos quitando e pondo en función das novas realidades que ían xurdindo.

A que tipo de sinais estiveron atentos?
A densidade poboacional é unha das guías básicas, pero hai outras máis concretas. Antes de que comezasen a ser públicos xa empezamos a observar os focos de contaxios co obxectivo de afondar na súa orixe. Axiña comprobamos que moitos estaban vinculados a residencias, como se viu máis adiante. Pero tamén analizamos temas de mobilidade.
Este proxecto serviu para revalidar e xustificar os valores  que iamos vendo, máis aló dos datos ou do simple número de casos por concello. O máis  importante para nós é saber por que. Por que nesta localidade hai 180 infectados e na do lado 40 ou ningún. E iso dínolo o territorio, a partir das redes sociais, económicas, de infraestruturas e de servizos operativas en cada momento.

En que medida os mapas e as análises territoriais da evolución do virus foron de utilidade para as autoridades públicas?
O envío de documentación periódica aos responsábeis da Administración galega era un dos obxectivos do proxecto. E así o fixemos, tanto ao Sergas como a GAIN. Despois non sei se o uso que lle deron aos nosos informes foi moito ou pouco.

Na orixe do proxecto falouse da posibilidade de crear unha cartografía activa e accesíbel.
Estamos ante un proxecto dinámico, como o propio territorio, ligado ao comportamento da pandemia, á análise de cada nova variábel e á xustificación territorial dunha realidade concreta en cada ámbito, sempre a partir de datos oficiais que nos fixeron chegar, non sempre co mesmo grao de detalle e exhaustividade. A partir de aquí, de momento, non creo que nos corresponda a nós, aínda, decidir sobre a accesibilidade á cartografía da Covid-19.

Que rastro deixou o coronavirus na Galiza nestes dez meses?
Non existe un comportamento homoxéneo para todo o territorio. A evolución da pandemia en cada ámbito responde a diferentes factores e cómpre analizar cada caso no seu contexto. Fóra diso, claro que se pode sinalar o impacto do virus no eixo atlántico urbano ou nas capitais, en cidades onde hai maior densidade de poboación ou en concellos cunha mobilidade moi elevada. Pero non se pode prescindir das características de cada territorio: estrutura demográfica, envellecemento, rendas, infraestruturas, localización de farmacias... Estas variábeis son as que explican a expansión ou a retirada do virus, nun lugar concreto nun período de tempo determinado.