Ángel Carracedo, investigador e xenetista: "O primeiro no que hai que investir en ciencia é na xente"

Carracedo é un dos maiores expertos en medicina xenómica. (Foto: Arxina).
O catedrático Medicina Legal da USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955) acaba de ser recoñecido co Premio Otero Pedraio 2022, o galardón cultural máis lonxevo da Galiza. Por primeira vez, o xurado lourea un investigador pola súa traxectoria médica e científica. "Faime ilusión", resalta en conversa con 'Nos Diario'.

—O Premio Otero Pedraio recoñece por vez primeira a cultura científica a través da súa figura e contribución eminente á cultura galega. Que sentiu ao saberse galardoado?
Para min é un premio moi especial. Sempre loitei moito para que se considerase a ciencia parte da cultura, de feito, levo moitos anos na sección de ciencia do Consello da Cultura Galega. E sempre foi unha gran reivindicación dos científicos pensar que a ciencia é algo fundamental na cultura e desenvolvemento dos pobos. Por iso ten un significado especial. Espero que abra a porta para que moitos científicos fagan cousas importantes en prol da sociedade e o leven no futuro. Faime ilusión. 

—Non é suficiente o esforzo que se está a facer en prol da divulgación e a cultura científicas?
Vivimos nun mundo que vai moi ás présas, que subsiste a base de novas pero que non se para a educar ou a facer divulgación, por iso para min é importante achegar a ciencia á sociedade. É a maneira de poñela en valor: contarlle á xente que facemos, que conseguimos grazas a ela, cal é o método científico, pero tamén cales son as limitacións, que entenda ben que é o que non se pode facer. Porque ás veces creamos falsas expectativas e iso non é cousa boa. Eu tamén o sufro no ámbito do ADN forense. A vida non é CSI!

Hai que hai que pór de manifesto todo o que progresamos, nas ciencias da saúde, na xenómica, con avances tremendos en terapias, diagnósticos, esperanza de vida; pero buscando o equilibrio, tratando de educar e divulgar máis que de promover simplemente novas de descubrimentos.

—Que ámbito da xenómica ocupa agora mesmo a maior parte do seu tempo?
Agora mesmo teño menos dedicación ao mundo forense, non debe chegar ao 30%, cun labor máis internacional ligado ao que chamamos medicina legal humanitaria. O meu traballo principal é no mundo químico. Na práctica, tratando de facer diagnósticos xenómicos. Na parte de investigación fun construíndo moitos grupiños científicos dos que estou moi orgulloso, nos que abordamos áreas moi diferentes. A xenómica é toda igual pero traballamos en aplicacións distintas: xenómica do cancro, das enfermidades raras, de trastornos psiquiátricos, de doenzas cardiovasculares, dos fármacos. Son grupos aos que trato de axudar coa esperanza de que progresen e fagan cousas en beneficio dos demais.

—De que forma mudou o futuro a xenómica do cancro?
Progresouse moito en tratamentos personalizados e aumentou moito a esperanza de vida, pero penso que o futuro vai ir máis pola prevención do risco de cancros concretos, por implantar medidas terapéuticas ou de hábitos de vida para atrasar a súa aparición ou evitar que se produza. E aí a xenómica vai xogar un papel moi importante.

—Cal é a chave no caso das doenzas raras?
Unha das principais necesidades é o diagnóstico. Falta estrutura dentro só sistema para aceleralo. Por outro lado están as terapias, cada vez hai máis, xénicas e celulares. E por último está a investigación, que exixe un esforzo cooperativo a nivel internacional para que sexa efectiva.

—E que papel xoga a xenómica na saúde mental?
Sen dúbida é campo máis necesitado de investigación e investimento. Persoalmente estoulle dedicando moitos esforzos, nomeadamente aos trastornos psiquiátricos en idade infantoxuvenil. Creo que aínda estamos moi afectados polo estigma e iso fai que a xente mire para outro lado. Non nos damos conta do sufrimento que representan para tantas familias. Son problemas totalmente biolóxicos e tremendamente xenéticos. Fai falta moitísima investigación e temos que mellorar en atención e integración social.

"Un investigador bo contratado trae riqueza"

Ángel Carracedo asegura que a Covid supuxo un grande esforzo en investimento que serviu para potenciar o valor da ciencia, da investigación e da medicina. "Espero que non se esqueza". Neste sentido destaca avances como a Lei da ciencia. "Pon os cimentos dunha carreira profesional investigadora, sobre todo no eido da biomedicina". Pero hai moito que mellorar, di. "A xente ten que ter salarios dignos, estabilidade, proxección de futuro, ilusión. Se non non imos ser quen de reter o talento, que vai marchar todo para fóra, a xente máis brillante. E iso vai en detrimento da riqueza dos pobos. Cando me preguntan en que hai que poñer os cartos eu sempre digo: na xente. Un investigador bo contratado trae riqueza e é rendíbel para o sistema e para a sociedade".