Andaina para defender a biodiversidade da Serra do Suído

Decenas de persoas participaron na andaina convocada pola Asemblea do Suído. (Foto: Ecoloxistas en acción)
A Asemblea do Suído convocou unha andaina na que participaron decenas de persoas para defender a biodiversidade ameazada por numerosos proxectos de parques eólicos e minaría.

No Día de Biovidersidade a Asemblea do Suído convocou unha andaina para a protección do lugar ante a vaga de proxectos eólicos e minaría que ameazan esta zona de alto valor ecolóxico e cultural.

A saída, realizada desde o cemiterio de Piñeiro da Igrexa, no concello de Covelo, na comarca da Paradanta, congregou a decenas de persoas que non quixeron perder a oportunidade de recorrer a Poza de Piñeiro, Chan do Libro e a Forca do Lobo.

Entre os múltiples proxectos que amezan a Serra do Suído, o parque de Coto Redondo afecta directamente aos concellos de Covelo e Fornelos de Montes. Este estuda instalar oito aeroxeneradores dunha altura estimada de 200 metros de alto e 136 metros de diámetro de rotor cunha potencia media de 4 MW. Pola súa banda, o proxecto de Mancelo, situado na parroquia covelá de Prado, estuda instalar 3 aeroxeneradores con características semellantes “a escasos 600 metros das vivendas”, puntualizaba o delegado da asemblea, Alexandre Cendón.

Cendón explica que esta zona so Suído forma parte da ampliación da Rede Natura 2000 e que “o modo que ten de proceder a Administración é un atentado medioambiental porque está a impedir a ampliación da Rede para favorecer a instalación de parque eólicos e proxectos de explotación mineira”.

"A Unión Europea  leva anos demandando ao Estado español e á Xunta da Galiza que amplíe a rede. É un mandato da UE porque na Serra do Suído hai unha serie de hábitats que son prioritarios e que están en perigo de extinción ou desaparición. Están pouco representados na Galiza e o único sitio onde se atopan eses hábitats é no Suído. Por iso, a serra é candidata á Rede Natura. Mais están a adialo e non o queren aprobar para facilitar todos estes proxectos", comenta Cendón.